VILAGARCÍA> As familias do colexio de Rubiáns están en pé de guerra polos horarios imposibles que teñen no centro. A rapazada entra contra as dez da mañá e, ao mediodía, case non teñen tempo para comer no comedor. Explican que o problema parte dos horarios do autobús escolar e que se solucionaría contando cun autobús máis. As nais e pais denuncian que levan case seis meses agardando por unha resposta da Xunta a un problema, lembran, que veñen sufrindo no centro dende hai 17 anos. Agora, puxeron en marcha xunto con Zona Aberta unha nova campaña para denunciar a súa situación.
Citámonos cun grupo de nais pouco despois das dez da mañá no colexio de Rubiáns. Noutros centros, a xornada lectiva xa iría encamiñada, pero neste o día acaba de comezar. Aquí entran ás dez menos dez da mañá. Un horario, denuncian as familias, que carece de toda lóxica.
Porque as clases rematan ás tres menos dez e o bus escolar sae de aquí ás tres e media. Lamentan que os horarios lectivos estean adaptados ao autobús e non ao revés.
As familias están fartas deste tema porque, lembran, levan a voltas con este asunto 17 anos. Cren que agora é o momento de solucionalo, tendo en conta que en breve vai expirar a concesión da actual empresa de transportes.
Pero, segundo denuncian, atopáronse cun novo atranco: a Xunta non lles fai caso e nin tan sequera lograron pechar unha reunión para expoñer a súa situación.
E á espera de conseguir esa reunión con alguén da Xunta, puxeron en marcha unha nova campaña. Desta volta contan co apoio de Zona Centro, que repartiu entre os seus establecementos carteis como este para visibilizar o seu problema.
Esta cuestión xa se tratou tamén no pleno de Vilagarcía, onde se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG e defendida pola ANPA de Rubiáns. Logo do voto favorable de todos os grupos, incluído o PP, o colectivo de nais e pais fala de “falsas promesas” por parte dos populares, tanto a nivel local como no Parlamento.











