| Colectivos sociais do Barbanza solicitan un Centro de Orientación Familiar |
|
|
| Venres, 17 Marzo 2006 | |
|
BARBANZA > As numerosas solicitudes para a posta en marcha dun Centro de Orientación Familiar na comarca do Barbanza continúan. Profesores, pais, alumnos dos distintos centros educativos da comarca, así como tamén políticos e distintas asociacións consideran necesaria a creación dun centro destas características no Barbanza debido á desinformación dos mozos en materia sexual. Esta non é a primeira vez que dende diferentes colectivos sociais se reivindica a creación dun Centro de Orientación Familiar na comarca do Barbanza. A solicitude remóntase a hai varios anos cando dende os respectivos centros educativos profesores, pais e mesmo alumnos, consideraban necesario a posta en marcha dun centro destas características na zona debido á desinformación existente sobre cuestións sexuais entre a poboación xuvenil. As súas reivindicacións fundaméntanse entre outras razóns no feito de que outras comarcas de Galicia con menor entidade poboacional que a do Barbanza xa dispoñen na actualidade de Centros de Orientación Familiar. A maioría dos profesores, que se amosan moi comprometidos con esta solicitude, indican que os esforzos que se están a levar a cabo, tanto dende os institutos como dende os departamentos de Servizos Sociais dos diferentes concellos, superan en moitas ocasións as competencias da comunidade educativa e da administración local. Neste sentido sinalan que na comarca existen problemas específicos que precisarían unha atención cualificada e que só podería prestar un centro de información. Así aluden á necesidade de orientar as persoas sobre a esterilidade e as posibilidades que hai, ofrecer cursos de prevención e información sobre a sida, dar asesoramento integral ás parellas ou efectuar controis para a detección precoz do cancro de mama. Ademais a este Centro de Orientación Familiar tamén poderían acudir mulleres con problemas derivados da menopausia e recibir alí a súa atención. Toda unha serie de posibilidades imprescindibles, segundo os propios demandantes, para unha comarca como é a do Barbanza. Redacción Barbanza |




