| A vela destaca na Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra |
|
|
| Luns, 10 Abril 2006 | |
|
VIGO > Os regatistas Antón Paz, Fernando Echávarri e Tamara Echegoyen foron recoñecidos como mellores deportistas da provincia de Pontevedra na gala do Deporte da Deputación. O organismo provincial recoñeceu o traballo de 26 deportistas que acadaron a condición de finalistas. A Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra converteuse na noite da Vela. O tándem Antón Paz e Fernando Echávarri foi elixido polo xurado en categoría masculina. O regatista vilagarciá recolleu en persoa o premio ó mellor deportista da provincia e no nome do pontevedrés subiu ó escenario o seu pai, xa que se atopa competindo a bordo do Movistar na Volta ó Mundo de Vela. Os dous regatistas acadaron a gloria no 2005, con victorias nos campionatos de Europa e do Mundo e ademais coa máxima distinción da Federación Internacional. No apartado feminino tamén destacou a vela. Tamara Echegoyen foi considerada polo xurado a mellor deportista da provincia, polo seu ouro no mundial de clase vaurien. Recolleu o galardón a súa nai, xa que a regatista está inmersa na súa preparación olímpica. Foron algúns dos protagonistas desta gala, na que a Deputación entregou premios a 26 deportistas que acadaron a condición de finalistas, entre eles o futbolista Borja Oubiña, a piragüista Teresa Portela, ou os ciclistas óscar Pereiro e Marcos Sérrano. No Pazo dos Escudos en Vigo, o presidente da Deputación Rafael Louzán recalcou o interese e o traballo deste organismo polo deporte. Redacción Salnés |

















