Inicio arrow Noticias arrow Comarca Pontevedra arrow Intentan roubar nunha sucursal de Caixanova secuestrando ó interventor
 
 
Intentan roubar nunha sucursal de Caixanova secuestrando ó interventor Imprimir Correo electrónico
Xoves, 20 Abril 2006

PONTEVEDRA > Dous individuos secuestraron esta mañá ó interventor dunha sucursal de Caixanova en Pontevedra para acceder á caixa forte da entidade bancaria. O traballador foi abordado preto da súa casa e introducido nun vehículo roubado para trasladalo posteriormente á Caixa. Cando se decataron de que non tiña as chaves necesarias, fuxiron sen deixar rastro.

secuestrocaixanova_300_200406.jpgEran preto das oito menos cuarto da mañá cando o interventor da sucursal de Caixanova situada na rúa Juan Bautista Andrade de Pontevedra, foi secuestrado por dous individuos á saída da súa casa, no paseo de Colón. Os secuestradores, que portaban armas de fogo e levaban o rostro cuberto con caretas do Entroido, introduciron ó traballador nun BMW azul, roubado a noite anterior na localidade de Redondela. Os atracadores dirixíronse ata a oficina bancaria pero ó comprobar que o empregado non portaba as chaves da caixa forte decidiron abortar o plan e fuxir.

O vehículo foi abandonado posteriormente na gasolineira da avenida Domingo Fontán, nas inmediacións do Burgo. Pero este xa é o terceiro caso de atraco na provincia de Pontevedra nos últimos días. Os outros dous casos producíronse en sucursais da entidade Caixanova no municipio de Marín. A policía investiga agora se hai relación entre os tres casos.

Redacción Salnés

 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg