Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow Unha nova rotonda na Avenida da Coruña facilitará o acceso á praia de Coroso
 
 
Unha nova rotonda na Avenida da Coruña facilitará o acceso á praia de Coroso Imprimir Correo electrónico
Venres, 21 Abril 2006

RIBEIRA > O concello de Ribeira está a construír unha nova rotonda na Avenida da Coruña co fin de regula-lo tráfico existente nesta vía de entrada á cidade que soporta ademais un importante volume de tráfico. A glorieta servirá ademais para facilita-lo acceso á praia de Coroso.

Dende hai tempo o executivo ribeirés que preside Xosé Luís Torres Colomer perseguía a construción dunha rotonda na Avenida da Coruña co obxectivo de regula-lo tráfico de entrada á cidade, ó ser ademais unha das arterias de comunicación máis importantes do municipio.

Esta glorieta está localizada no punto quilométrico 39 da estrada AC-550, na zona na que hai varios institutos e unha vía de acceso á praia de Coroso, de bandeira azul, que constitúe ademais un dos areais máis visitados polos ribeireses e polos turistas que se achegan cada ano ata este concello.

Os orzamentos destinados á realización desta actuación ascenden a preto do 44 mil euros e con anterioridade o goberno local notificoulle xa a Unión Fenosa e a Telefónica para que procedesen á retirada  dos postes alí emprazados e que se viron afectados polas obras.

Na zona está contemplada tamén a instalación de sinais de tráfico e a instalación de bandas rugosas e ollos de gato, así como un novo pintado do vial.

A intención do executivo ribeirés non é outra que nos vindeiros meses iniciar as obras de construción dunha nova rotonda na estrada que une Ribeira con Noia á altura do Hospital Comarcal do Barbanza para mellora-lo tráfico tamén nesta zona que se incrementou debido ó paulatino crecemento dos usuarios deste centro hospitalario.

Redacción Barbanza
 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg