| Expertos en drogodependencias analizan en Ribeira a importancia da prevención |
|
|
| Martes, 25 Abril 2006 | |
|
RIBEIRA > A prevención das drogas no ámbito familiar é o tema central das xornadas organizadas polo Servizo de Drogodependencias do concello de Ribeira a través do seu Plan Comunitario. O encargado de impartir este seminario é un dos maiores expertos en investigación sobre drogodependencias a nivel nacional, José Antonio García del Castillo. Unha vintena de persoas participan nestas xornadas que teñen como obxectivo prioritario afondar na prevención como método prioritario para loitar contra as drogodependencias. A iniciativa, promovida pola UAD de Ribeira a través do Plan Comunitario e o concello, vai dirixida a orientadores, profesores, profesionais sanitarios e público en xeral. Precisamente a educación é unha das bases para facer fronte á problemática das drogas, tanto dende o punto de vista da escola como da familia. A implicación do ámbito familiar e a comunicación entre pais e fillos é esencial. No acto de presentación das xornadas o presidente do Instituto Nacional de Investigación en Drogodependencias e catedrático de Psicoloxía na Universidade Miguel Hernández de Alicante, José Antonio García del Castillo, sinalou a crecente tendencia social de non considerar as drogas como un problema. Esta percepción errónea conleva repercusións moi negativas, principalmente entre a xuventude. O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, que tamén participou na inauguración do seminario informou ó presidente do Instituto Nacional de Investigación en Drogodependencias da próxima construción dun novo centro da UAD xunto cunha unidade de saúde mental. O rexedor local aproveitou a ocasión para solicitar a integración do novo centro na rede de investigación nacional. García del Castillo recolleu este ofrecemento con enorme satisfacción dada á grande sensibilidade que o concello ribeirés ten demostrado sempre en relación á problemática das drogodependencias con diversas iniciativas e varios convenios de colaboración con diversas entidades. Redacción Barbanza
|




