Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow Unha espectacular colisión frontal en Palmeira sáldase sen feridos de gravidade
 
 
Unha espectacular colisión frontal en Palmeira sáldase sen feridos de gravidade Imprimir Correo electrónico
Luns, 15 Maio 2006

RIBEIRA > Espectacular foi o accidente acontecido onte nun tramo da parroquia ribeiresa de Palmeira onde se produciu o choque frontal de dous turismos nunha curva perigosa. A pesar da aparatosidade do sinistro ningún dos tres feridos reviste gravidade aínda que a conductora dun dos vehículos tivo que ser excarcerada e trasladada en ambulancia ó hospital do Barbanza.

Os feitos acontecían onte arredor das sete da tarde cando dous vehículos chocaban frontalmente nunha curva da parroquia de Palmeira coñecida como A Taravela. Por causas todavía descoñecidas, un dos turismos invadeu o carril contrario colisionando frontalmente co coche que circulaba na dirección oposta.accidentepalmeira2_300_150506.jpg

Os vehículos implicados eran un Seat León con matrícula 9367 DDD, no que viaxaban tres persoas e un Ford Fiesta con placas 3509 BXH. A condutora deste, Eva Maria V. D., quedou atrapada no interior do automóbil polo que foi necesaria a utilización dun equipo de excarceración para sacala do vehículo. A continuación foi trasladada ó hospital do Barbanza onde está a ser tratada de lesións de diferente consideración aínda que afortunadamente non reviste gravidade.

O conductor do Seat León, Ramón M. G., resultou ileso mentres que as ocupantes Manuela e Miriam M. B. resultaron feridas leves polo que tiveron que ser trasladadas tamén ó hospital.

A violencia do impacto provocou que os coches quedaran en moi mal estado polo que a estrada tivo que ser cortada durante máis dunha hora.

Ademais do equipo de bombeiros que rescatou á conductora atrapada, desprazáronse ata o lugar do sucesos dúas ambulancias do 061, outra do concello de Ribeira así como varios equipos da Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Ribeira, Protección Civil e Bombeiros de Boiro.

Redacción Barbanza

 

 
 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg