| Ramón Dios non acepta a decisión de Opmega e non dimitirá |
|
|
| Martes, 16 Maio 2006 | |
|
O presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Ramón Dios, asegura que os socios de Opmega votaron o luns sobre a súa dimisión sen consultaren antes coas asembleas das súas agrupacións. Indica incluso que mesmo algúns socios de Opmega que son vocais no Consello tampouco estaban informados do asunto nin foron consultados. Por iso di que non vai respectar esta decisión da asemblea, promovida polo actual presidente da organización Javier Figueira. O 56 por cento da asemblea votou a favor da dimisión, segundo os datos que manexa Ramón Dios. Pero asegura que entre os socios que non secundaron esta decisión se atopan cinco agrupacións que estarán na nova directiva de Opmega. Ramón Dios acusa a Figueira de buscar o desmembramento do sector mexilloeiro e de tratar de pechar as portas do Consello Regulador, un organismo que, segundo sinalou, está a piques de acadar a Denominación de Orixe Protexida para o mexillón galego. Por iso espera que Figueira abandone canto antes a presidencia de Opmega, aínda que dubida que vaia a ser pronto. Dios lémbralle que se quere a súa dimisión que a pida polos camiños oficiais establecidos no regulamento do Consello. Redacción Salnés |



VILAGARCÍA > Non dimitirá. Así de firme se expresou o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Ramón Dios, trala decisión adoptada pola asemblea de Opmega. O responsable da organización, Javier Figueira, someteu a votación a petición de dimisión do presidente do Consello obtendo o 56 por cento dos votos a favor. Ramón Dios non comparte este resultado.

