Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow Arousa Norte afondará no coñecemento do novo permiso por puntos
 
 
Arousa Norte afondará no coñecemento do novo permiso por puntos Imprimir Correo electrónico
Martes, 04 Xullo 2006

BARBANZA > Os catro alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte reuníronse nunha sesión plenaria para debater novas actuacións a levar a cabo pola entidade comarcal. Entre elas, a solicitude dun curso de orientación sobre a aplicación do carné por puntos ou a mellora dos servizos comarcais de extinción de incendios.

arousanorte_300_040706.jpgOs rexedores barbanzáns acordaron solicitar á Xunta de Galicia a realización dun curso formativo dirixido ás policías locais dos catro concellos co obxectivo de afondar no coñecemento da aplicación do novo permiso de conducir por puntos. Neste sentido, o presidente da Mancomunidade, Isaac Maceiras salientou a necesidade dunha maior información tanto a nivel profesional coma social posto que no Barbanza seguen a cometerse frecuentes infraccións.

Á espera da resolución da administración autonómica, os axentes dos corpos de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo poderán resolve-las súas dúbidas na charla que ofrecerá o responsable da Xefatura de Tráfico da Coruña, José Pastor del Castillo, o vindeiro martes 18 de xullo.

Por outra banda, Maceiras Rivas anunciou a colaboración entre a Macomunidade e a Dirección Xeral de Turismo que permitirá a realización de obras de recuperación do patrimonio nos catro concellos, cun investimento de 60 mil euros por cada municipio.

Estas non serán as únicas actuacións que desenvolverá a Mancomunidade senón que ten previsto continuar coa súa promoción do destino turístico Arousa Norte. Co obxectivo de trasladarlle as novas liñas de traballo, os catro alcaldes manterán unha xuntanza co Conselleiro de Presidencia nas dependencias da Xunta de Galicia. No transcurso da xuntanza, plantexaranlle ademais a solicitude dunha axuda para habilitar unha nova sede para a entidade. Ademais os representantes da entidade plantexaranlle ó Conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, a necesidade de fusionar municipios mancomunando servizos co obxectivo de reduci-los custos.

Así mesmo, os alcaldes da Arousa Norte exporán ante o representante autonómico o balance da promoción turística levada a cabo pola entidade, co seu paso polas Feiras de Barcelona, Lisboa e Fitur. Segundo informou o actual presidente, Isaac Maceiras, os resultados do Plan de Dinamización Turística xa se están deixando notar de cara á tempada estival.

Neste sentido, a Mancomunidade ten pensado seguir adiante con novas actividades encamiñadas á profesionalización do sector e á promoción exterior do Barbanza como destino turístico.

Redacción Barbanza

 

 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg