Advertisement
Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow Méndez Romeu comprométese a diversifica-los servizos das Mancomunidades
 
 
Méndez Romeu comprométese a diversifica-los servizos das Mancomunidades
Mércores, 05 Xullo 2006

mromeu_100_050706.jpgBARBANZA > Os alcaldes de Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira mantiveron unha reunión co Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza durante a que se solicitou apoio da Administración Autonómica para a realización de distinto tipo de accións conxuntas que veñan a unir servizos entre os catro concellos, o que posibilitaría a reducción dos custes. A recadación de impostos, a recollida de lixo, o abastecemento de auga ou as propias competencias das Policías Locais foron algúns dos temas abordados co Conselleiro.

Varias foron as demandas plantexadas polos alcaldes da comarca do Barbanza e a propia xerencia de Arousa Norte ó Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Boa parte delas estaban encamiñadas ó desenvolvemento de políticas mancomunadas e de acción de servizo conxunto. Precisamente unha das solicitudes formuladas estaba referida á nova Lei das Policías Locais co fin de aumenta-las súas competencias, na procura de reducir, entre outros aspectos, a alta tasa de sinistralidade nas estradas da comarca.xuntanzaconselleiro_200_050706.jpg

Os representantes de Arousa Norte fixéronlle entrega dun dossier co traballo desenvolvido pola Mancomunidade nos úlimos anos, así como a previsión do programa para os anos 2006-2009, entre os que figuran actuacións en infraestruturas e o Plan de Dinamización Turística. Outra das reclamacións formuladas foi a necesidade de dotar ós concellos do Barbanza de máis axentes de Policía Local e de vehículos, fundamentalmente para a época estival. Os rexedores barbanzáns tamén lle pediron apoio ó titular de Presidencia para a posible construción dun edificio propio para a entidade supramunicipal que sirva ó mesmo tempo para a realización de exposicións e congresos, unha cuestión que tamén será analizada en breve pola Xunta.

Xosé Luis Méndez Romeu, transmitiulle ós alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte o compromiso da Xunta de Galicia de levar adiante o impulso das mancomunidades, algo que se fará a través de subvencións que estarán recollidas nos orzamentos do próximo ano. Segundo el un dos obxectivos do actual Goberno Autonómico será o facilitarlle ás entidades supramunicipais que se desenvolvan e que atendan servizos máis diversificados.

O titular de Presidencia sinalou que en relación coas áreas de competencia da Consellería de Presidencia, referiuse a eidos coma os das forzas de seguridade, da protección civil ou da xustiza de paz, nos que adiantou que se intentará, de acordo coas comunidades afectadas, atopar fórmulas que permitan aforro de custos e melloras na prestación de servizos.

O conselleiro afirmou que a Mancomunidade de Arousa Norte ten a vantaxe de estar poñendo en valor as formulas asociativas entre concellos, que son un dos obxectivos do Pacto Local.

xuntanzaconselleiro2_200_050706.jpgPor outra banda, Méndez Romeu adiantou tamén que está previsto que a próxima semana a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) pacten de forma definitiva o contido da futura Lei de Coordinación de Policías Locais, que definiu coma un texto chamado a modernizar profundamente un servizo que resulta fundamental en moitos concellos.

No que se refire ós concellos que compoñen a Mancomunidade Arousa Norte, o titular de Presidencia anunciou que no próximo mes de setembro se realizará, en colaboración co Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA), un curso de formación para os oitenta policías locais de Boiro, Rianxo, a Pobra do Caramiñal e Ribeira nos propios concellos.

Redacción Barbanza

 


 
¿ Como sintonizarnos en TDT ?