| Medio Rural asegura a eficacia do dispositivo contraincendios no Barbanza |
|
|
| Martes, 18 Xullo 2006 | |
|
De ‘irresponsable’ cualificou a Consellería de Medio Rural a actitude do PP ó poñer en dúbida a eficacia do operativo antincendios no distrito do Barbanza. A Xunta considera que os populares, coas súas críticas, están a poñer atrancos na negociación cos concellos para establecer vías de cooperación na loita contra o lume. Por esta razón, o goberno autonómico fai un chamamento ó grupo popular para que practique unha oposición ‘responsable’ e colabora na erradicación definitiva da loita contra o lume. Así mesmo, o departamento autonómico considera inxustificadas as acusacións do PP posto que na comarca do Barbanza xa se puxeron en marcha diversas actuacións encamiñadas a reduci-las causas da oleada de incendios, ademais da política de prevención e limpeza que vén desenvolvendo a Consellería dende a súa chegada ó goberno. Neste sentido, a intención de Medio Rural é soluciona-lo conflito histórico que manteñen comuneiros e gandeiros sobre o uso dos montes barbanzáns. Os responsables da Consellería inisten ademais na eficacia do operativo contraincendios no Barbanza, con efectivos humanos e medios técnicos que garanten a total cobertura dos habitantes da comarca. Ante as críticas efectuadas polos populares sobre a infrautilización de medios, Medio Rural sostén que as brigadas conveniadas coas comunidades de montes si teñen preferencia por actuar nos lumes da súa parroquia ou área de influencia pero en ningún caso teñen prohibido participar na extinción de incendios rexistrados no seu mesmo distrito. Lembran ademais que a actuación destas brigadas está sempre coordinada coa dos medios da Consellería en cada distrito forestal. Redacción Barbanza |





BARBANZA > A resposta da Consellería de Medio Rural ante as acusacións do grupo popular pola falla de medios contraincendios no Barbanza non se fixo agardar. O departamento autonómico sostén que a comarca é constante escenario de labores de prevención e limpeza do monte e se están a negociar novas vías para garantir o bo uso e o mantemento da superficie forestal.

