| O Concello da Pobra está a realizar obras de mellora nos colexios |
|
|
| Martes, 22 Agosto 2006 | |
|
POBRA > Como cada ano antes do comezo do curso escolar, o Concello da Pobra está a levar a cabo unha serie de obras de adecentamento e mellora dos centros educativos do municipio e das súas inmediacións. Nestes momentos as actuacións de maior envergadura estanse a realizar no colexio ‘Salustiano Rey Eiras’ aínda que no resto dos colexios tamén se están a facer pequenos arranxos. Nas inmediacións do colexio Salustiano Rey Eiras xa están rematadas as beirarrúas e unha pasarela de madeira que facilitará o acceso a pé ás instalacións. Pero estas non son as únicas actuacións que se están a levar a cabo xa que noutros centros educativos tamén se están a facer pequenos arranxos como a reparación do chan das aulas ou o cambio de cristais nas ventás. A inversión total para a mellora das instalacións educativas ascende a uns sesenta mil euros, dos cales preto de cincuenta mil se corresponderían coas obras que se están a realizar no colexio Salustiano Rey Eiras, unha cantidade incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña e cofinanciada con fondos municipais. A concelleira de Educación da Pobra, Encarnación González, comentou que dentro destas obras tamén está previsto que se eliminen algúns dos módulos do Salustiano Rey Eiras que eran usados para realizar actividades extraescolares e que están en mal estado. A edil explicou que dende o concello xa están a traballar nun proxecto para construir nese lugar unha nova aula de usos múltiples aínda que polo momento non se estableceu un prazo de execución. Redacción Barbanza |



Nesta zona falta só a pavimentación das rúas, pinta-las liñas de estacionamento de autobuses escolares e cambia-la ubicación do portal do centro, que se colocaría uns metros máis adiante para no perxudica-la entrada ás novas instalacións da piscina. Ademais o concello tamén está pendente de rematar un pequeno tramo da pasarela de madeira que discorre preto da marisma da Xunqueira. Para poder completar este treito o concello necesita do visto bo do Goberno Central, un informe que dende o executivo local esperan obter canto antes xa que queren remata-las obras antes de que dé comezo o curso escolar. 
