Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow Os gañadores da 'Festa da Tapa' recolleron os seus premios
 
 
Os gañadores da 'Festa da Tapa' recolleron os seus premios Imprimir Correo electrónico
Mércores, 30 Agosto 2006

BOIRO > Representantes dos locais gañadores da primeira ‘Festa da Tapa’ celebrada esta fin de semana en Boiro recolleron os seus agasallos de mans do presidente da Asociación Boirense de Empresarios, a entidade organizadora do evento. Luis Ángel González aproveitou o acto para felicitar a tódolos hostaleiros participantes no concurso polo éxito do concurso e anunciou que xa pensan na celebración dunha segunda edición o ano que vén.

O Restaurante Xoanes, na categoría de mellor tapa de mexillón e o Mosteiro de Santo Estevo, pola mellor tapa libre. Estes foron os dous locais gañadores da primeira ‘Festa da Tapa’, un concurso celebrado en Boiro o pasado sábado e no que participaron 13 establecementos hostaleiros do municipio. O acto de entrega dos agasallos tivo lugar onte pola tarde. Os responsables da mellor tapa de mexillón recibiron unha fin de semana para dúas persoas nun balneario de Galicia, mentres que os vencedores na categoría de mellor tapa libre conseguiron outra fin de semana nunha casa de turismo rural. Tres foron os criterios valorados polo xurado: sabor presentación e orixinalidade, un trazo este último co que o autor da mellor tapa libre conseguíu cautivar ó xurado.

Ámbolos dous gañadores destacaron a importancia de que se realicen este tipo de iniciativas, tanto para darse a coñecer entre o público como para potenciar o sector hostaleiro de Boiro.  O presidente da Asociación Boirense de Empresarios, Luis Ángel González, destacou o alto nivel do concurso e agradeceu ós trece locais participantes a súa colaboración. A pesar da incertidume dos organizadores ante a aceptación desta festa, González recoñece que se pode considerar un éxito, e agarda celebrar para o ano unha segunda edición mellorando os erros desta.

Redacción Barbanza

 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg