| Os concellos do Salnés cortan o abastecemento de auga por esta noite |
|
|
| Martes, 05 Setembro 2006 | |
|
SALNÉS > Os concellos do Salnés teñen cortado o subministro de auga provinte do río Umia desde as oito do martes. A restricción durará ata o mércores ás sete da mañá. Os alcaldes acordaron este novo corte debido ó escaso caudal que queda na conca do río. Para o concello de Vilagarcía e para empresas, centros médicos ou residencias da terceira idade xa están a disposición unhas corenta cisternas.
Precisamente o escaso caudal de auga que hai desde o último dique ata a desembocadura non fai posible manter aberto as 24 horas do día o subministro. O corte faise en horario nocturno, pero isto afecta a certas empresas, hoteis, centros de saúde ou residencias da terceira idade. As administracións aseguran que o servizo estará practicamente garantido nestes casos. Este sistema de abastecemento por medio de cisternas aplícase sobre todo ó concello de Vilagarcía, xa que desde o accidente de Brenntag, non dispón da captación de auga de Baión.
DEPURACIÓN
O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández, sinalou que técnicos de Sogarisa traballan na retirada dos elementos químicos que quedaron na zona onde se atopaba a empresa e que están sendo levados á planta das Somozas, de xeito que o terreo quedará completamente limpo en breve. Pola súa banda o profesor Joan Grimalt, experto en problemas de contaminacíon de augas, explicou os compoñentes do vertido e a súa perigosidade, restando importancia á presencia de benceno, un compoñente altamente canceríxeno. CONTAMINACIÓN
A media tarde Medio Rural aseguraba que os cultivos de Caldas non están afectados pola contaminación creada tralo incendio. Segundo as primeiras análises, a horta do Salnés queda descartada dunha posible contaminación xa que non usa auga procedente do Umia nin de pozos próximos ó seu cauce e, porque o día do incendio, o vento ía en dirección contraria a esta zona. Tampouco os bancos marisqueiros da ría arousana corren perigo. Así o sinalou o martes a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, que recordou que seguen facéndose controis periódicos para garanti-la salubridade das augas e dos seus productos. Segundo a conselleira, o seu departamento actuou coa máxima prudencia para evitar calquera problema, e tivo en conta sempre tanto ós mariscadores como ós consumidores. Redacción Salnés |



A Comisión de Seguimento da Crise do río Umia centrouse este martes no abastecemento de auga á poboación do Salnés. Os alcaldes da comarca e o presidente da Deputación de Pontevedra coñeceron de boca do director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández, como se atopa o nivel de contaminación da auga e como evolucionan as obras da canalización alternativa. Para os alcaldes a prioridade segue a ser o abastecemento de auga. 
O mércores volve a reunirse a comisión de seguimento pero a situación non pinta bonita e os alcaldes advirten que con toda probabilidade haberá que cortar a auga de novo. A súa esperanza está posta arestora na canalización paralela ó río. Ó longo deste martes foron chegando camións de diversas partes da península coa tubería necesaria, que se colocará desde o río Chaín, en Caldas, ata a ponte de Baión, en total 17 quilómetros. As autoridades confían en que o xoves se poida por en marcha este sistema, que permitirá, de modo provisional, garantir o servizo a todo o Salnés.
A mancha contaminante chegou este martes ó primeiro dique de contención, instalado no lugar das Aceñas e xa se puxo en marcha o sistema de depuración con filtros de carbono, magnesita, e corteza de eucalipto triturado. A auga contaminada estase a desviar a unhas balsas onde os técnicos non paran de facer medicións. A falta de coñecer os últimos resultados, os primeiros datos ofrecían certa esperanza.
Técnicos da universidade de Santiago e do CSIC que participaron na recuperación de augas e solos afectados polo desastre de Aznalcollar visitaron este martes as actuacións no Umia. Entre eles estivo un dos maiores expertos en problemas de contaminación de augas, o profesor Joan Grimalt, que loubou a rapidez e a eficacia das medidas postas en marcha pola Consellería de Medio Ambiente en Caldas. Unhas medidas que poderían provocar que a recuperación do río sexa máis rápida do que se pensaba nun principio. Neso traballa agora a Consellería. O departamento que dirixe Manuel Vázquez esperaba coñecer ó longo do día a eficacia destes coadores que van purificando a auga e cre que, á vista da evolución da mancha, o vertido non afectará á Ría de Arousa.
Precisamente o profesor Grimalt restou tamén importancia á contaminación dos terreos cercanos á zona da fábrica e das hortas. Unha alerta iniciada polo concello de Caldas tras ser avisado por veciños de que as hortalizas estaban cubertas por un sospeitoso po. Segundo os técnicos, as sustancias atopadas non tenden a bioacomodarse, polo que non afectarían ós sedimentos nin tampouco ás hortas. 
