| Nace en Padrón o colectivo 'Remonte' para a recuperación do monte queimado |
|
|
| Venres, 27 Outubro 2006 | |
|
PADRÓN > Trala vaga de lumes que asolou o monte galego comezan a xurdir os primeiros movementos sociais para a recuperación da superficie queimada. Con este obxectivo nace en Padrón o Colectivo ‘Remonte’, unha asociación sen ánimo de lucro que, baixo o lema ‘Un euro, unha árbore’, pretende acometer a rexeneración medioambiental, económica e social do medio rural galego. A zona piloto onde se comezará a levar a cabo a recuperación serán os montes padroneses e, dependendo do éxito que acade o proxecto, poderá extenderse ós concellos limítrofes. En principio, os integrantes da asociación plantéxanse un horizonte temporal de vintecinco anos para levar a cabo a rexeneración do monte na súa triple función. As persoas que desexen colaborar con esta iniciativa poden poñerse en contacto co colectivo por varias vías: a través da web montegalego.org, o correo electrónico info@montegalego.org ou ben o número de fax 981810382. Ademais do apadriñamento das árbores, por un euro ó ano, poderanse realizar outro tipo de contribucións a través de persoal voluntario ou a doazón de sementes ou materiais de utilidade. O colectivo tamén ten previsto realizar actividades nos colexios para sensibilizar ós máis pequenos e instalar mesas informativas en espazos públicos para divulgar o contido do seu proxecto. Os membros da Asociación Remonte agardan que a poboación se implique na recuperación das zonas queimadas a través desta aportación simbólica. Ademais da súa gran importancia ecolóxica, esta iniciativa pretende poñer en valor o medio rural a través do vencellamento dos seus habitantes coa natureza. Redacción Barbanza |





