| Arousa vive o primeiro aniversario da peor vaga de incendios dos últimos anos |
|
|
| Mércores, 08 Agosto 2007 | |
|
SALNÉS > Nesta mesma semana, pero hai un ano, os nosos montes sufrían a peor vaga de lumes dos últimos tempos. Tras algúns problemas puntuais no mes de xullo e unha difícil fin de semana do 5 e 6 de agosto, o luns 7 ás 16:00 h. no distrito de Caldas-Salnés, Medio Rural contabilizaba doce incendios activos e nove controlados.
Varias avionetas sobrevoaron Vilagarcía durante todo o luns mentres o ceo se ía cubrindo de fume. A imaxe a media tarde era de absoluta escuridade. E de novo nos atopabamos en Guillán e Trabanca cos veciños tentando apaga-las lapas. Anque máis grave era a situación na Illa, onde o lume comezou de noite no mirador do Santo. As campás da igrexa avisaban ós veciños, que acudiron rapidamente. O mesmo facían os veciños de Armenteira, onde o domingo tivera lugar o peor incendio do Salnés que calcinou unha importante extensión de monte e terreos cultivados, e ameazou a un núcleo de vivendas. As queixas dos veciños e do PP foron respostadas pola Xunta. Descoordinación O delegado do Medio Rural en Pontevedra aseguraba que os sucesos desbordaran as previsións e os operativos dispoñibles, de aí a chegada das Forzas Armadas e a petición de axuda a Interior, pero negaba que houbera descoordinación. O mesmo facía o martes o subsecretario do Ministerio do Interior, Justo Zambrana, quen se achegou a Pontevedra para anuncia-lo incremento dos efectivos. Anque a nova destacada era o accidente dunha avioneta que recollía auga no Peirao de Raxó, en Poio. Afortunadamente non houbo feridos.
Pontevedra E o mesmo pasaba en Pontevedra, onde 13 das 15 parroquias estaban o 8 de agosto de 2006 en alerta. Una paisaxe desoladora e unha cidade envolta en fume deixaban constancia da traxedia. En Marcón as avionetas, helicópteros e hidroavións non daban abasto e percorrían unha e outra vez os mesmos lugares mentres os cabalos salvaxes permanecían inmóbiles buscando un refuxio ó inferno que os envolvía. O alcalde daba por rematadas as súas vacacións para coordinar o operativo municipal. 170 membros de protección civil, bombeiros e policía local traballaban xa nas parroquias afectadas. En Cerponzóns, tiñan que corta-la estrada Pontevedra-Santiago. O lume, que entrara dende Xeve, estaba enriba das casas e o forte vento empeoraba a situación. A densa nube de fume trasladábase cara a capital e a parroquia de Alba, que tamén levaba toda a tarde co incendio de Campañó enriba das vivendas. Desaloxos En Raxó pechábase unha gasolineira e desaloxábase a zona da Excusa ante a cercanía do lume que colapsou totalmente a estrada de Sanxenxo. Ó día seguinte, o mércores 9, os máximos representantes do PP reunidos en Pontevedra acordaban crear gabinetes de crise liderados polos alcaldes e pedi-la activación do fondo europeo de solidariedade para catástrofes naturais. E mentres os políticos discutían, o monte seguía ardendo. En Caldas seguían activos os incendios de Arcos da Condesa e Segade, e en Pontevedra Campañó, a Canicouba e Cerponzóns. Anque de novo a máxima preocupación estaba en Armenteira. O incendio procedente de Poio chegaba a Busto e avanzaba cara Monte Castrove onde unhas horas despois arrasaba unha gran zona forestal. Consecuencias As consecuencias non se facían esperar. Varias vivendas de Meis quedaban o mércores sen liña telefónica e sen suministro de auga. Os manantiais quedaran sen caudal e a rede da Mancomunidade estaba ó límite. Os alcaldes pedían moderación no consumo. E a última hora, Tráfico cortaba a autoestrada entre Santiago e Pontevedra por un incendio en Valga e Pontecesures que se unía os de Caldas e Cuntis. A comarca Ulla-Umia tampouco se libraba da desfeita. O xoves 10 tocoulle de novo á Illa. Dous focos afectaron a Lavanqueira e Pedrouzos, chegando o lume ata Gradín e Espiñeiro. A partir deste día a vaga comezaba a remitir e o venres 11, a excepción dalgún pequeno foco que se reavivaba, xa falabamos das consecuencias dos lumes na saúde, no turismo e da apertura das primeiras oficinas municipais para deixar constancia dos danos. A paisaxe deixaba constancia da traxedia vivida. Redacción Salnés |





O primeiro incendio do que falabamos o 7 de agosto de 2006 nos levaba ata Solobeira. A falla de efectivos e a forza do vento provocou que moi pronto o pequeno foco se convertese nun gran incendio que, ademais de queimar unha importantísima cantidade de monte se achegou perigosamente ás casas e obrigou a corta-la estrada que vai de Cornazo a Portearnelas. Tamén en Barro houbo que corta-la vía rápida e varias estradas secundarias. Pola mañá nos achegabamos ata a zona pola que pasa a AP 9 á altura de Curro. O fume era intenso e podiamos ver xa os estragos dos incendios dos últimos días. Pero a sorpresa foi ver como nuns minutos comezaba un novo incendio. O fume apenas deixaba ve-la chegada dos bombeiros que nuns minutos nos desaloxaban da zona. Dalí fomos ata Curro, onde eramos testemuñas da dramática situación dos veciños. Tamén se cortou a vía do tren polos lumes rexistrados en Xiabre e que se vían dende varios quilómetros.
Tamén ese día nos deixaba outra imaxe para a historia. A dos presidentes do PP e do PPdeG que visitaban a zona de Armenteira en Meis xunto con outros cargos do partido. Mentres facían balance dos danos reactivábase un foco que eles mesmos trataron de apagar con mangueiras, sachos e ramas. O alcalde de Meis levaba neste intre 48 horas se durmir. Aseguraba estar vivindo o peor momento da súa vida política e denunciaba a falla de axuda para a extinción dos lumes. Pero non só en Armenteira se reactivaba un foco. En Lobeira, tras pasa-la noite en vela, os veciños tiñan que volver saír ó monte para evitar que o lume queimase as súas casas por segundo día consecutivo.
A concellería de Festas de Pontevedra decidía entón suspende-los primeiros fogos artificiais da Peregrina. E tamén se ían producindo as primeiras detencións e atopando os primeiros dispositivos que probaban a intencionalidade dos lumes, como ocorreu cunha pastilla de carbón atopada en Ribadumia. 
