|
BOIRO > A Fundación Museo de Artes do Gravado doou varios exemplares dos catálogos editados polo museo ó Instituto de Praia Xardín, en Boiro.
A cesión dos volumes fíxose efectiva nun acto celebrado na bilbioteca do centro, ó que asistiron o presidente da Fundación, Javier Expósito, e o alcade boirés, Xosé Deira.
A colección cedida ó IES Praia Xardín componse de títulos do máis diversos dende os estudos na xénese do Guernica, o inferno en imaxes de Dalí ou a visión crítica da tauromaquia de Goya, ata catálogos editados en colaboración con outras entidades culturas como ‘Impresiones, a nova era da imaxe múltiple’ ou ‘Medio século de vanguardia no taller de Joan Barbará’.
O presidente da Fundación, Javier Expósito, fixo entrega de seis caixas de catálogos cun total de 230 exemplares, que a partir de agora estarán a disposición dos alumnos do Praia Xardín, único centro da comarca do Barbanza no que se imparte o bacharelato pola rama de Artes.
Afán divulgativo
A doazón desinteresada destas publicacións constitúe un feito moi importante para o presidente da fundación, no seu afán por divulga-lo gravado no ámbito educativo, proporcionando unha base ós novos creadores.
A pesar de que esta técnica conta cun importante berce de creadores no Barbanza, é pouco o interese amosado polo gran público. Por esta razón, Javier expósito reclama unha maior implicación das administracións na promoción das artes do gravado.
No acto desenvolvido na biblioteca do praia Xardín, tamén estivo presente o alcalde de Boiro, Xosé Deira, quen destacou a importancia de que estes catálogos poidan ser estudados polos alumnos, realizando unha importante contribución á súa formación artística.
Tras iniciar esta liña de colaboración no ámbito educativo, a fundación seguirá a promove-lo gravado a través do museo situado na parroquia ribeiresa de Artes. Tras case sete años de traballo, o centro prepara agora unha exposición con obras de Tapiés e Miró que será inaugurada ó longo deste mes.
Redacción Barbanza
|