Inicio arrow Noticias arrow Barbanza arrow A vítima da paliza de Escarabote, denunciada pola nai do seu agresor
 
 
A vítima da paliza de Escarabote, denunciada pola nai do seu agresor Imprimir Correo electrónico
Martes, 05 Febreiro 2008

denunciaescarabote_100_050208.jpgBOIRO > Volta a actualidade o caso do menor que recibiu unha malleira por parte doutro adolescente mentres un terceiro gravaba a pelexa nun móbil.

Despois de que pasasen máis de tres meses dos feitos, a nai do atacante vén de denunciar á vítima por unha presunta tunda anterior que éste lle propinou ao seu fillo menor.

Ao parecer, a presunta malleira que recibiu o irmán pequeno do agresor puido ser a orixe da pelexa posterior que se gravou nun teléfono móbil, tal e como recolle hoxe o xornal El Correo Gallego. Deste xeito o adolescente agraviado decidiu vingar ao seu irmán menor ca mesma moeda: batendo no rapaz que lle pegou.

Vítimas denunciadas

A denuncia presentada a pasada semana por estes feitos pola nai do agresor aviva unha polémica que nestes días está na rúa: a de que as vítimas dun delito sexan denunciados polos seus atacantes.

Dende o pasado mes de Xaneiro, o agresor e o adolescente que gravou a pelexa en Escarabote atópanse en liberdade vixiada, tras permanecer internados dous meses no centro de menores de Palavea na Coruña. O xuíz decretou para eles unha orde de afastamento da vítima. Agora están a espera de que os médicos emitan un informe favorable da evolución psicolóxica do agredido que lle permita declarar sobre o acontecido para que o xulgado poida poñer unha data para o xuicio.

Os feitos, que acontecían a finais do pasado mes de outubro no peirao da localidade boiresa de Escarabote, levantaron unha forte expectación mediática que durou varias semanas.

 

Redacción Barbanza

 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg