|
POBRA > O executivo confía en chegar a entendemento con Política Territorial e evitar así que varios núcleos rurais queden incluídos na franxa de Costas.
O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, calificou de moi positivo o encontro mantido co Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, e no que tamén participaron o arquitecto redactor das normas, José Cebrián, o edil de Obras, Xosé Manuel Castro, e o técnico municipal, Marcos Rey.
Segundo o rexedor pobrés existe boa vontade para chegar a un entendemento e evitar así a clasificación destes lugares como de solo rústico de protección de costas, pois existen probas evidentes de que estas zonas da Ribeiriña, A Angustia, A Mercé, Lomba, Ponte e Vilariño eran xa núcleos urbanos consolidados antes da entrada en vigor da lei de Costas.
Documentación
O alcalde informou ademais que o equipo redactor do actual PXOM, xunto cos técnicos municipais están recompilando toda a documentación necesaria para presentarlla novamente o vindeiro luns á Dirección Xeral de Urbanismo.
Contencioso administrativo
De chegarse a un acordo o concello retiraría o contencioso administrativo presentado por este asunto contra Urbanismo, ó entender que estes núcleos nas normas subsidiarias do ano 1984 non figuraban dentro da zona de dominio marítimo terrestre.
Redacción Barbanza
|