|
RIBEIRA > O domingo seis de xullo desenvolverase a segunda proba do circuito de carreiras populares Concello de Ribeira.
A carreira do Corgo perfílase como a máis dura cun percorrido de máis de once quilómetros campo a través pola aldea de Teira, na parroquia de Corrubedo.
Ás dez da mañá do domingo día seis de xullo terá lugar a saída desta carreira popular que este ano acada a súa segunda edición. A organización da proba corre a cargo da confraría da Dorna que conta coa colaboración das demais entidades promotoras das tres carreiras restantes que conforman o circuito concello de Ribeira: a da Guía, xa celebrada, a de Artes que se celebrará o 24 de agosto e a de Santa Uxía a desputar o 14 de setembro.
Entorno natural
Deste xeito, a confraría da Dorna pretende estender a festa a outros aspectos culturais e deportivos. O seu presidente animou á participación nesta proba que destaca especialmente pola beleza da paisaxe na que se desenvolve.
O percorrido da proba presenta un trazado de 11 quilómetros e 250 metros cun punto de abituallamento no quilómetro seis. As prazas están limitadas a un máximo de 200 corredores polo que os interesados en participar deben formalizar inscrición canto antes tanto na oficina de deportes situada no auditorio ribeirés como a través da web cofradiadadorna.com ou ben o teléfono 981870804.
Trofeos
Os tres primeiros clasificados nesta carreira recibirán sendos trofeos. Así mesmo está previsto que os corredores que participen nas catro carreiras do circuito reciban un agasallo.
Ademais de agradecer o apoio loxístico e económico prestado polo concello de Ribeira, a organización quixo ter unha mención especial para os veciños de Teira que cederon os seus camiños privados para poder desputar a carreira.
Redacción Barbanza
|