Publicidade canalriasbaixas.com
Inicio arrow Noticias arrow Salnés - Caldas arrow Ribadumia valora en 6.000 euros os danos trala noite de San Xoán
 
 
Ribadumia valora en 6.000 euros os danos trala noite de San Xoán Imprimir Correo electrónico
Martes, 24 Xuño 2008

SALNÉS > A noite máis curta do ano estivo chea de sardiñas, lume e moita diversión. Pero tamén deixou un balance negativo en canto a danos. Un exemplo é o do concello de Ribadumia. O goberno local valora en 6.000 euros as consecuencias dos actos vandálicos deste San Xoán. Os principais prexuízos producíronse na ruta dos muíños de Barrantes e na área recreativa de Cabanelas, ademais de dúas marquesiñas de autobús. O Concello dará parte á Garda Civil. Pola súa banda, a Central de Coordinación do 061 de Galicia informa que atendeu na noite de San Xoán 38 intoxicacións etílicas e por drogas, 12 accidentes de tráfico e 10 queimaduras provocadas polas fogueiras.

Pero non todo foi malo esta noite. No Salnés, destacamos a sardiñada celebrada pola Asociación de Comerciantes de Vilagarcía Zona Aberta, que festexou o San Xoán cunha multitudinaria Sardiñada acompañada de gaiteiros. A partir das nove e media da noite iniciouse o reparto gratuíto de 100 quilos de sardiñas, outros tantos de pan de millo e 100 litros de viño. Á celebración uníronse moitos arousáns que chegaron a facer longas ringleiras para degustar os productos típicos desta festa.

A noite meiga, con aroma a sardiña, churrasco e sabor a queimada, tivo tamén especial protagonismo no Concello de Poio, onde celebran as súas festas patronais. A velada iniciouse coa sardiñada popular na Seca, que reuniu a centos de veciños a degustar o peixe estrela da noite. Como xa é tradición, 30 minutos antes da media noite, os asistentes gozaron co espectáculo de lume. Xa ás doce da noite, prendeuse a gran fogueira que presidía o campo da Seca. E como a principal era moi grande, prendéronse outras cacharelas máis pequenas para cumprir coa tradición de saltar as lapas e deixarse envolver polo fume purificador das cacharelas de San Xoán.

Redacción Salnés

 


ver_orixe.jpg
comentarios_contrastes.jpg