|
RIBEIRA > O BNG alegará en contra do Plan de Infraestruturas Náuticas que prevé incrementar en 425 os puntos de amarre no porto deportivo de Ribeira.
O BNG de Ribeira manifestou a súa fonda oposición ós proxectos contemplados no Plan Director de Infraestruturas Náuticas de Galicia. O documento, elaborado polo ente autonómico Portos de Galicia, contempla a creación de 425 novas prazas de amarre no porto deportivo de Ribeira, cifra que se sumará ás 271 existentes, e que segundo os nacionalistas non responden a unha demanda real nin sequera por parte do propio Club Náutico.
Danos nos bancos marisqueiros
Esta actuación contempla un recheo sobre toda a praia das Carolinas que suporá a destrución dun banco de ostra e a alteración doutras zonas de marisqueo de Coroso dado que se verán alteradas as correntes mariñas. Precisamente, este é un dos argumentos que esgrimen os nacionalistas nas alegacións que van presentar ó plan solicitando que se elimine o proxecto contemplado para Ribeira e se busque unha alternativa consensuada cos sectores afectados.
No documento elaborado polo BNG tamén se recolle que o proxecto suporá a privatización dun ben de dominio público, sen ter xustificado o seu carácter de interese xeral, ou a incompatibilidade da execución da obra coa sostenibilidade da ría.
As alegacións dos nacionalistas non serán as únicas que se presenten a este plan posto quea confraría de pescadores de Ribeira xa formulou as súas diante de Portos de Galicia.
Redacción Barbanza
|