|
RIANXO > Jacinto Parga desprazouse ata Rianxo para dar conta da resolución das alegacións presentadas ao proxecto de ampliación do acceso ó porto.
As peticións foron todas desestimadas, de modo que se procederá a expropiación e derrubamento de tres vivendas emprazadas no paseo de A Ribeira, tal e como se sinala no proxecto. Portos considera que a alternativa de realizar un recheo non é viable dado que repercute negativamente na seguridade vial e causa prexuizos ao medio ambiente.
Rexeitamento do PP
Parga tamén argumentou que en casos como este, a administración sempre debe velar polo interese público fronte ao particular. Malia todo, o voceiro da agrupación local do partido popular, José Ramón Vázquez reiterou o seu rexeitamento a decisión de expropiación destas vivendas que cualificou como un gran erro.
Perante os representantes da confraría de pescadores, a asociación de mexilloeiros, concello de Rianxo, particulares e as agrupacións políticas da oposición, o presidente de Portos debullou, un por un, os fundamentos esgrimidos para rexeitar as alegacións presentadas.
No tocante a perda de liña de atraque no porto, sinalou que non se eliminarán prazas senón que se trasladarán a outros puntos do porto as zonas onde poidan arribar as embarcacións. En relación á construcción dunha pasarela de madeira paralela ao paseo, Parga espera poder consensuar durante a redacción do proxecto construtivo.
Asemade, Parga explicou que tan só se eliminarán as prazas de aparcadoiro de vehículos que sexan incompatibles ca seguridade vial e que se buscará un mellor emprazamento ao surtidor de combustible de Setefogas.
Tras a resolución de alegacións, o dirixente de Portos espera cumprir os prazos previstos e licitar a obra a finais de este ano co obxetivo de colocar a primeira pedra da actuación a principios do vindeiro ano.
Redacción Barbanza
|