| Os bateeiros da Arousa continúan as concentracións en Cabo da Cruz |
|
|
| Mércores, 20 Agosto 2008 | |
|
BOIRO > Máis de cincocentos bateeiros da ría de Arousa concentráronse esta mañá na dársena portuaria de Cabo da Cruz. Esta xa é a terceira protesta que realiza o sector esta semana, tras a do luns en Vilanova e a de onte no peirao de Vilaxoán. Deste xeito, continúan reivindicando a unión de todos os produtores para facer fronte a forte crise que atravesa o sector. Tamén se criticou a falta de responsabilidade e solidariedade por parte de aqueles que din pertencer ao sector e continúan sen secundar o paro. Asemade, houbo duras críticas para os que aproveitan a situación para buscar enfrontamentos entre os produtores. Os produtores de mexillón da Arousa continuarán, a través destas protestas en distintos peiraos da comarca, defendendo a busca de solucións para un sector que da traballo a máis de tres mil familias nas comarcas do Salnés e da Barbanza.
Redacción Barbanza |





