|
POBRA > O ex alcalde da Pobra, Segundo Durán Casais, foi recoñecido co título póstumo de fillo adoptivo do concello nun emotivo acto.
A emoción foi a nota predominante no acto de nomeamento de fillo adoptivo ao ex alcalde de A Pobra, Segundo Durán Casais. O Teatro Elma quedou pequeno para dar cabida a numerosa representación de veciños e persoeiros que acudiron a entrega do pergamiño que lle entregaron a título póstumo ao que fora rexedor do municipio pobrés durante dezaoito anos.
Destacados persoeiros
Entre os asistentes ao acto, que foi presentado polo delegado do xornal La Voz de Galicia na comarca da Barbanza, Ramón Ares, salientou a presencia de Xerardo Fernández Albor e José Manuel Romay Beccaría, ex presidente e ex vicepresidente da Xunta de Galicia respectivamente, Pedro Gómez, primer gobernador civil de A Coruña e Enrique Marfany, ex presidente da Deputación de A Coruña.
Un dos momentos máis emotivos do acto foi a intervención de Álvaro Viéitez, amigo persoal do homenaxeado e o seu substituto na alcaldía durante algúns anos, que destacou que Durán Casais loitou contra vento e marea para acadar moitas das infraestruturas que na actualidade posue a Pobra.
Importante legado
Non foi o único que tivo verbas de louvanza para o ex alcalde pobrés. Enrique Marfany destacou del que 'era un político de infantería, que sempre traballou a pe de obra' e Fernández Albor sinalou o legado que Durán Casais deixou na Pobra, como o centro da Terceira Idade, o Museo Valle-Inclán ou o porto comercial, motor económico do municipio.
Por último, Isaac Maceiras, rexedor do municipio pobrés, encargado de pechar o acto subliñou que o nomeamento de Segundo Durán Casais como fillo adoptivo era unha disciplina pendiente da corporación local e un acto de xustiza co que se cumple un deber moral.
Redacción Barbanza
|