| Comezan as descargas de mexillón fresco tralo acordo de Pladimega e Arousa Norte |
|
|
| Luns, 22 Setembro 2008 | |
|
A ILLA > Pladimega e a Federación Arousa Norte solucionaron as súas principais discrepancias e chegaron a un acordo. Grazas á mediación da Consellería de Pesca onte volveron a reunirse, nunha xuntanza que durou cerca de seis horas. Despois de máis dun mes de folga, o sector mexilloeiro volveu hoxe a reanudar as descargas. Pladimega e a Federación Arousa Norte conseguiron onte subscribir un acordo de colaboración que, sen dúbida, será beneficioso para todo o sector mexilloeiro. As bases do novo sistema de distribución amparan a preto de 3.000 bateas das 3.361 existentes en Galicia. Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, valorou este acordo como moi positivo para tódolos bateeiros, a pesar de que asegurou tamén que as máis de trescentas bateas que non entraron na firma podían chegar a ser unha consecuencia negativa. Algúns dos puntos principais deste acordo son un reparto equitativo da producción entre as dúas partes, dúas rodas para a fábrica e unha para fresco, un control único compartido en tódolos peiraos con casetas de Pladimega ou da Federación Arousa Norte, como paso previo para a constitución dun control único externo a ambas agrupacións. Ademais, as dúas partes celebrarán reunións semanais para controlar as porcentaxes de venda, a fin de efectuar as oportunas compensacións. O acordo firmouse nun encontro que ambas partes celebraron ata ben entrada a noite de onte. Esta mañá informaron ós cocedoiros e conserveiras do termo do mesmo, polo que a previsión era que esta mesma tarde poideran iniciarse as descargas para industria. Polo de pronto esta mañá viviuse nos peiraos a segunda xornada para faena de fresco, con absoluta normalidade. Por parte da Consellería de Pesca, consideran que este acordo facilitará a Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia, outorgada pola Unión Europea a este recurso galego. Ademais a conselleira, Carmen Gallego, manifestou o seu desexo de que comece a chegar ós mercados mexillón baixo este distintivo. Redacción Salnés |














