| A FEB abre unha nova etapa na 20ª edición dos Dolmen de Ouro |
|
|
| Luns, 13 Outubro 2008 | |
|
Tal e como pretendía a directiva da Federación, presidida por Gladys Bermúdez, a vixésima edición da gala dos Dolmen de Ouro supuxo un cambio de rumbo na celebración desta entrega de premios e abre un novo camiño de futuro para a FEB. Nesta ocasión, non se premiou a un empresario de cada unha das asociacións locais senón que a gala serviu para recoñecer o labor dos expresidentes da patronal comarcal. Os grandes ausentes foron Juan Manuel Penalta, impulsor da federación, xa falecido, e Anxo Cristobo, por motivos de saúde. Na súa representación acuderon os fillos de ambos que quixeron agradecer esta máis que recoñecida homenaxe ós seus proxenitores. A outra ausencia da noite, xa agardada, foi a do expresidente Manuel Tomé que tal e como anunciara non asistiu a recolle-lo premio. Aínda así, a directiva non quixo obviar a súa etapa e fixo un repaso deses anos a través dun vídeo. Os que si asistiron foron os presidentes máis vello e máis novo da Federación, respectivamente: Ramón Hermo e Pablo Martelo, que recolleron orgullosos o seu galardón. Posto que se trataba de premios especiais, os homenaxeados non recibiron a tradicional figura do Dolmen de Axeitos senón unha reprodución do megalito nun gravado. Trala entrega de premios, que este ano se caracterizou por un maior dinamismo, con intervencións máis breves e amenas, e sobre todo pola súa emotividade, os convidados desfrutaron dunha suculenta cea servida polo restaurante Chicolino que se prolongou ata a madrugada. Escasa representación institucional A pesar do amplo respaldo do sector empresarial a esta gala coa súa masiva asistencia, nesta edición chamou a atención a escasa representación institucional. Ningún conselleiro da Xunta estivo presenta na entrega dos Dolmen aínda que si o fixeron responsables dalgúns departamentos como as directoras xerais de Comercio e Industria. Tamén quixeron respaldar este acto coa súa presenza o vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, e o subdelegado do goberno na Coruña, Xosé Manuel Pose. Sólida unión Pero ademais da colaboración das distintas administracións, o futuro da federación pasa por unha maior implicación de todo o empresariado. A presidenta da Federación, Gladys Bermúdez, confía en que a unión será a nota dominante nos próximos anos. Unión pola que avogaron tódolos asistentes a esta gala co fin de conquerir a solidez que precisa un ente integrador como a FEB, que na actualidade aglutina a trece asocaicións locais erguéndose como unha das organizacións empresarias con maior representatividade de todo o país. Redacción Barbanza |




BOIRO > A FEB celebrou a vixésima edición da gala dos Dolmen de Ouro, que este ano converteuse nunha homenaxe ós expresidentes da patronal comarcal. 









