|
BARBANZA > O consello da Xunta aprobou a declaración de supramunicipalidade do gasoducto do Barbanza coa consecuente aprobación do proxecto sectorial.
A nova infraestrutura que achegará o gas natural ó Barbanza contará cunha extensión de 44 mil metros e discorrerá polos concellos de Valga, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira. A inversión total deste proxecto, que conlevará importantes vantaxes tanto no eido económico como social para os habitantes da comarca, achegarase ós quince millóns de euros.
Este xoves, o consello da xunta procedía á declaración de supramunicipalidade e aprobación do proxecto sectorial do gasoducto, o que supón un primeiro paso para a posta en marcha desta infraestrutura.
Dende o BNG do Barbanza valoraron moi positivamente este feito aínda que quedan por diante un longo proceso de tramitación e execución do proxecto para que sexa unha realidade. Sen embargo, informaron de que a Consellería de Industria tentará axilizar ó máximo os trámites, respectando sempre os prazos que garantan a rigorosidade do proxecto.
Beneficios
Para os nacionalistas, a chegada do gas traerá importantes beneficios para o Barbanza non só no que respecta á mellora da calidade de vida dos veciños senón á creación de infraestruturas que fomenten o asentamento de novas empresas que, á súa vez, creen emprego e riqueza.
O anuncio da execución do gasoducto chega nun momento no que se están a acometer diversas iniciativas para o progreso do Barbanza como a dotación de chan industrial coa creación de novos parques empresariais e a ampliación dos xa existentes ou a chegada de novos servizos como a fibra óptica a través da empresa de telecomunicacións R.
Redacción Barbanza
|