| Aparatoso accidente no polígono da Tomada |
|
|
| Mércores, 28 Decembro 2005 | |
|
POBRA > Un camión de grandes dimensións cargado de conservas saiuse da vía á altura do polígono industrial da Tomada na Pobra do Caramiñal. A pesar da aparatosidade do accidente non houbo que lamentar vítimas graves, tan só o condutor do camión que resultou ferido leve. A pesar de que o accidente ocorría na tarde do martes, o camión permanecía aínda o mércores á espera de poder ser retirado por unhas grúas de grandes dimensións que tiveron que ser trasladadas ata a Pobra. Este feito así como problemas coa empresa aseguradora provocaron a tardanza na retirada do camión da estrada. O vehículo de gran tonelaxe pertence á empresa viguesa Transeuropean Transport Suardíaz e estaba cargado de conserva para a súa comercialización posterior. Ó parecer e segundo nos confirmaron membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Pobra, o accidente veu provocado por unha saída de vía, ó ceder parte do terreo dun dos laterais da estrada. O camión totalmente cargado de mercancia precipitouse polo terraplén. O condutor do vehículo resultou ferido leve e foi trasladado en ambulancia ó Hospital do Barbanza. Esta mañá achegáronse tamén ata o lugar do sinistro unha parella da Garda Civil de Tráfico que foron os encargados de realiza-lo corte de tráfico para que as grúas puideran retira-lo camión. Redacción Barbanza |




