| Carme da Silva expón a nova lei de vivenda en Palmeira |
|
|
| Xoves, 12 Febreiro 2009 | |
|
RIBEIRA> O BNG celebrou un acto público na casa do mar de Palmeira para dar a coñecer a nova lei de Vivenda, aprobada recentemente no parlamento galego. A encargada de explicar os detalles da normativa, que inclúe unha modificación para legalizar os núcleos rurais afectados por Costas, foi a deputada autonómica Carme da Silva.
Numerosos veciños déronse cita na casa do mar de Palmeira para coñecer máis de preto a lei de vivenda que abre unha nova vía para os núcleos tradicionais costeiros. E é que na zona norte desta parroquia así como noutros núcleos do concello ribeirés existen asentamentos poboacionais dende hai décadas que non están recoñecidos como tal, e polo tanto quedan afectados por Costas, cunha servidume de protección de cen metros. Despois de buscar solucións sen éxito, agora a nova lei abre unha vía que permitirá desafectar estes núcleos, ós que se lles aplicarán as mesmas excepcionalidades que ós núcleos urbanos. Segundo explicou a deputada nacionalista, Carme Dasilva, a normativa, aprobada en decembro, establece a modificación, a través da súa disposición adicional segunda, da lei de ordenación urbanística de 2002, permitindo á comunidade autónoma a aplicación das súas competencias en materia de urbanismo. Será entón a Xunta de Galicia a encargada de avaliar a existencia destes núcleos tradicionais como núcleos residencias consolidados antes do ano 85. Reapertura do proceso Para elo, os veciños deberán volver presentar toda a documentación que acredita a presenza das vivendas, e será a Dirección Xeral de Urbanismoa encargada de emiti-lo dictame. Segundo explicou a deputada parlamentaria, con esta lei preténdese favorecer ás vivendas unifamiliares que se ubican nestes núcleos costeiros pero, en ningún caso, se abrirá a porta á construción masiva no litoral. Redacción Barbanza |



