| O 2006 comeza con importantes obras nas parroquias de Noalla e Dorrón |
| Venres, 13 Xaneiro 2006 | |
|
SANXENXO > A finais de xaneiro comezará a primeira fase das melloras da instalación eléctrica que se levará a cabo na Igrexa de San Estevo de Noalla. Ademáis, o goberno local negocia estes días a adquisición dos terreos anexos ó colexio de Dorrón para crear un novo espacio público e mellorar a seguridade vial no entorno do centro educativo. A instalación eléctrica da Igrexa, xa obsoleta, será substituída na súa totalidade na primeira fase das melloras, que está previsto se inicie a finais de xaneiro. O presuposto para a renovación da instalación eléctrica, que será o primeiro traballo que se acometa, ascende a 5000 euros e non interferirá nos oficios relixiosos,que continuarán cos horarios habituais da parroquia. Estas obras non interferirán nos horarios dos actos relixiosos, e no caso de que puidera ser así xa hai acordo co párroco para que cesen as obras durante os mesmos. Na segunda fase, completarase a instalación eléctrica e adecentarase o interior do templo. Por outra banda, na nosa visita ó Colexio Público de Magaláns- Dorrón, fomos testemuñas dun pequeno accidente dun dos autobuses de transporte escolar –nese momento baleiro- pola falta de visibilidade e a perigosidade das súas manobras diarias.Producíase ante as nosas cámaras un pequeno golpe contra unha varanda de ferro cando o conductor tentaba achegar o autobús á rampla pola que baixan os alumnos. A improvisada zona de aparcadoiro atópase no medio dunha curva, polo que os vehículos conducen polo carril contrario sen ningunha visibilidade e os nenos cruzan a estrada co conseguinte perigo de non ser vistos polos conductores. Na segunda quincena de xaneiro podería quedar pechado o acordo que arranxe estes problemas de inseguridade vial. Redacción Salnés
|


