As obras na EP Caldas – Catoira rematarán en maio
Mércores, 28 Marzo 2012

obras_ep_caldas_catoira100.jpgCATOIRA> A Deputación pide colaboración a veciños e xuntas de montes para desforestar as marxes da EP Caldas – Carracedo – Catoira.

Arestora estanse a facer cunetas novas e a desbrozar unha zona expropiada pola Deputación de entre tres e cinco metros de ancho. Do que se trata é de evitar a caída de maleza á estrada, un dos factores que inflúen no perigo desta vía, que ten unha importante concentración de accidentes.

Segundo estima a Deputación, estes traballos concluirán en 15 días e o seguinte paso, a iniciar trala Semana Santa, será asfaltar de novo toda a estrada, desde Caldas ata a ponte de Catoira. Farase cun aglomerado especial que permitirá aumentar a adherencia do firme. Durante o asfaltado, que durará uns dez días, a estrada cortarase ó tráfico por tramos, cos avisos previos e desvíos correspondentes.

A mellora desta estrada suporalle á Deputación un investimento dun millón de euros e calcúlase que as obras estarán totalmente rematadas para o mes de maio.

Redacción Salnés