|
SALNÉS> Hoxe caeu a primeira medalla masculina española nos Xogos de Londres e levou a sinatura dun galego, un ferrolán afincado en Pontevedra. Javier Gómez Noya colgouse a prata despois de realizar unha extraordinaria carreira na que tan só o máximo favorito, o atleta local Alistair Brownlee, foi quen de superalo.
Catro anos agardando para ver un momento coma este. Javier Gómez Noya subido ó podium como medallista nos Xogos de Londres. Despois do cuarto posto de Pekín, o ferrolán soñaba co ouro, pero a prata é sen dúbida un rotundo éxito, tendo en conta que enfronte tiña rivais de enorme talla, en especial os irmáns Brownlee, grandes favoritos á victoria tanto pola súa calidade como triatletas como por ter ó público do seu lado.
A carreira de Gómez Noya foi de manual e sempre controlou ós seus principais rivais. O sector a nado rematouno a tan só catro segundos do mellor tempo, o do eslovaco Richard Varga, e por diante dos Brownlee. Os británicos tensaron a carreira na bicicleta intentando varias escapadas, a primeira formando un quintento no que tamén se metera Javi. As fugas non prosperaron e acabou por haber un reagrupamento na cabeza, na que se xuntaron 22 triatletas que loitarían polas medallas. Foi entón cando se deu a coñecer a sanción imposta a Jonathan Brownlee por unha ilegalidade na primeira transición, o que logo lle obrigou a parar 15 segundos.
No sector a pé Noya e os Brownlee sabíanse os máis rápidos. Alistair imprimíulle un ritmo infernal á carreira que desfondou ó seu irmán, que aproveitaría para facer a súa parada e conformarse co bronce. Gómez Noya aguantou estoicamente o ritmo do británico ata os últimos tres quilómetros, onde xa non puido máis. Brownlee foi levado ata a liña de meta practicamente en volandas polo seu público. Tamén o galego recibíu moitos folgos de afeccionados españoles que se desprazaron a ver a proba. Finalmente foron 11 segundos en liña de meta os que o separaron do ouro, pero a prata soubo a victoria. Ámbolos dous deportistas chegaron extasiados.
Este subcampionato olímpico amplía o palmarés dun Gómez Noya que por dereito é entra na historia como un dos mellores triatletas. Esta significou a cuarta medalla para a delegación española nos Xogos, a primeira conseguida por un home, nunha xornada especialmente prolífica na que a sevillana Marina Alabou acadou o primeiro ouro en vela, na clase RS:X.
Redacción Salnés
|