O accidente dun camión de grandes dimensións colapsa o centro de Noia

camionentullido_100_311007.jpgNOIA> O accidente dun camión de grandes dimensións esta mañá no Malecón de Gasset de Noia fixo que se colapsase o centro da vila. Ó parecer, o conductor tivo que desviarse da súa traxectoria …

… por culpa doutro vehículo que non respectou a súa lonxitude, a pesar de que tres coches, un da Policía Local e dous da empresa, avisaban do seu paso. Esto foi o que fixo que casi se precipitase á ría.

A concelleira de Seguridade Cidadá noiesa, Rosa Ana Mariño, foi a encargada de dirixir os operativos do GRUMIR e da Policía Local para sacar o camión do sitio onde quedou entullido. Para non entorpecer aínda máis o tráfico, estas tarefas non se fixeron ata a mediodía.

O camión, da empresa portuguesa Vestas, adicada a transportar material para parques eólicos, levaba a base dun destes aeroxeneradores cara o parque do Son e tivo que atravesar o centro de Noia porque a Vía Rápida do Barbanza está cortada. O concello noiés conta cun dispositivo para que cando teñen que pasar camións de dimensións tan grandes pola vila non se entorpeza o tráfico. A partir de agora farán que este tipo de vehículos só poidan transitar pola noite polas rúas do centro.

A parte traseira do camión tirou con varios metros do petril do malecón noiés, que serán repostos na maior brevedade posible, segundo informou o concelleiro de Obras, José Rodríguez Agulleiro.

Tan só a base do aeroxenerador pesaba máis de sesenta toneladas e para cando se teñan que traer as aspas, teranse que desmontar as varandas da ponte de Noia para que o vehículo poida pasar. As tarefas para sacar o camión do Malecón de Gasset prolongáronse ata ben avanzada a tarde.

 {flowplayer}camionentullido.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza