Miles de persoas secundan a manifestación en contra do Plan Acuícola da Xunta

    manifestacioncorrubedo2_300_051107.jpgRIBEIRA > Arredor de tres mil persoas participaron na manifestación celebrada en Corrubedo en contra do borrador do Plan Acuícola da Xunta de Galicia.

    Baixo o lema ‘Pola túa costa; polo teu mar. Non ó plano acuícola’, unha inmensa marea verde percorreu a distancia que separa o porto do faro de Corrubedo, para amosar o seu rexeitamento ó proxecto autonómico.

    A manifestación foi convocada por diversas asociacións ecoloxistas de toda Galicia e contou co respaldo de preto de setenta colectivos relacionados co mar e o medio ambiente así como diversas personalidades do mundo da cultura e da política como Xosé Manuel Beiras, Antón Reixa ou Luís Tosar. Coma eles, miles de persoas anónimas e afectados por este plan desprazáronse ata Corrubedo para participar no acto de protesta.

    O obxectivo da manifestación é amosar á administración autonómica o rexeitamento social xurdido en torno ó plan acuícola que contempla a implantación de quince piscifactorías nas costas galegas, tres delas nas inmediacións de Corrubedo. Ademais do impacto ambiental destas instalacións, os convocantes denuncian as negativas repercusións sociais e económicas do proxecto.

    Sen garantías

    Na actualidade, o proxecto atópase en fase de estudo das numerosas alegacións presentadas por diversos colectivos. Haberá que agardar a coñece-la resolución da Xunta que, de momento, quixo mandar unha mensaxe tranquilizadora á sociedade garantindo que tódalas empresas acuícolas que pretendan implantarse nas costas galegas deberan respectar escrupulosamente a normativa medioambiental.

    Sen embargo, estas garantías non son tales para os afectados que, din, chegarán ata as últimas consecuencias para botar atrás o plan.

    {flowplayer}manifestacioncorrubedo.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza