Feijóo pide axilidade na tramitación dos avais para a reconstrución de Congalsa

    nuezfeijooencongalsa_100_071107.jpgPOBRA > O presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijoo, visitou as instalacións de Congalsa, tralo incendio sufrido pola empresa hai quince días.

    Durante a súa visita a Congalsa, o presidente do partido popular de Galicia informou da iniciativa parlamentaria presentada polo seu grupo na que solicitan o aval económico por parte do IGAPE para que a empresa poida iniciar de inmediato os traballos de reconstrución, mentres se negocian as indemnizacións coa empresa de seguros.

    Alberto Núñez Feijoo agarda que a Xunta de Galicia ‘estea á altura das circunstancias’ garantindo o mantemento dos máis de trescentos postos de traballo de Congalsa e dando un exemplo de confianza ós novos emprendores que desexan instalarse na comunidade.

    Polo momento, a dirección da empresa xa solicitou o aval das pólizas de crédito ó Instituto Galego de Promoción Económica para poder iniciar a reconstrución total da nave afectada polo incendio, que supón case un cincuenta por cento das instalacións.

    Na actualidade, estanse a acometer as tarefas de limpeza e retirada de escombros para avaliar o alcance dos danos e as dimensións das obras que será preciso executar. O director xeral da empresa, Luís Miguel Simarro, agarda que non se demoren máis aló de mes e medio

    Corte da vía rápida 

    Núñez Feijoo aproveitou a súa visita á Pobra para criticar novamente o peche ó tráfico da vía rápida do Barbanza cos consecuentes prexuízos para o tránsito de persoas e o transporte de mercadorías.

    O líder dos populares considera que permiti-lo peche total constitúe un exemplo máis do trato de favor dado por Política Territorial á empresa concesionaria e volveu insistir nas supostas irregularidades cometidas durante o proceso de adxudicación da obra.

    {flowplayer}barbanza/nunezfeijooencongalsa.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza