Pablo Martelo continuará á fronte da FEB ata as eleccións de Xaneiro

    pablomartelo_100_121107.jpgBARBANZA > Finalmente o presidente da Federación de Empresarios do Barbanza, Pablo Martelo, continuará no seu cargo ata xaneiro.

    A pesar de que a súa decisión de abandona-la presidencia da patronal comarcal e convocar de xeito urxente eleccións era un segredo a voces, a última xuntanza da Federación de Empresarios de Barbanza celebrada en Outes fíxolle cambiar de parecer.

    Neste cambio de postura tiveron moito que dicir tamén os presidentes das patronais locais que vían como o cambio de presidencia, a escaso un mes da celebración do Nadal, en plena campaña comercial da entidade, non era o momento máis oportuno para realizalo.

    Así está previsto que Pablo Martelo continúe desempeñando este cargo ata xaneiro, mes no que se celebrarán eleccións. Está previsto que ata o día 11 de xaneiro non se abra o prazo para presentarse como candidato para presidi-la FEB, tendo ata o día 23 para poder facelo.

    Os comicios á presidencia da patronal comarcal están fixados para o día 25. Haberá que agardar ata ese día para saber quen será o futuro presidente da Federación de Empresarios do Barbanza. As quinielas están abertas e xa se barallan algúns posibles candidatos como é o caso do expresidente Manuel Tomé, que podería volver a presentarse, ou mesmo o actual presidente da Asociación de Empresarios de Noia, Xosé Pérez.

    {flowplayer}barbanza/feb.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza