Paso adiante para a tan ansiada rexeneración da ría de Muros-Noia

rexeneracionria_100_151107.jpgNOIA > A Dirección Xeral de Costas licitará antes de final de ano a redacción do proxecto de rexeneración da ría e do estuario do Tambre por uns 250 mil euros.

Hoxe deuse o primeiro paso para que os noieses vexan cumprida a súa máis vella reivindicación histórica: a rexeneración integral da ría de Noia. O alcalde da vila, Rafael García Guerrero, e o tenente alcalde, Bieito González, reuníronse esta mañá en Santiago con José Pérez Fernández, Director Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, e co delegado de Galicia da Dirección Xeral de Xostas, Rafael Eimil.

Vella reclamación

A vila de Noia a través dos seus diferentes dirixentes levaba reclamando a rexeneración da ría desde a década dos 40 do século pasado e agora, despois de cinco meses de negociacións, o Director Xeral de Costas, José Fernández Pérez, confirmou a licitación do proxecto cun prazo de execución de 12 meses, polo que en 2009 haberá un plan definitivo. O alcalde noiés asegurou que a rexeneración total da ría terá un longo percorrido e as actuacións non serán visibles polo de agora, pero este é o primeiro paso do camiño, un “pequeño avance para unha gran obra”. 

Retirada escollera

O proxecto recollerá todas aquelas actuacións a levar a cabo para rexenerar a ría de Noia. O estudo abranguerá o marxe máis grande posible de actuación, incluindo a retirada da escollera e un estudo de correntes mariñas. Un dos obxectivos do proxecto será revertir a ría de Noia e o estuario do Tambre ó seu estado natural, polo que tamén se incluirá a retirada da rampa de Testal. Do mesmo xeito, tentarase que o proxecto prevexa necesidades futuras, para que a ría non volva chegar á situación na que está.

Recuperación marisqueira

A rexeneración da ría suporá, ademais dun necesario lavado de cara á fachada da vila, que a Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, poida volver utilizar o total da súa concesión, pois polo de agora só se pode traballar nunha mínima parte. E suporá tamén unha mellora das condicións de traballo dos máis de 1300 cofrades que a integran. O bipartito noiés contou co apoio do Partido Popular da localidade para levar a proposta de rexeneración da ría a esta reunión, polo que o alcalde se amosou agradecido, pois este é o problema máis importante de Noia. Rafael García quixo agradecer tamén a mediación de Emilio Pérez Touriño diante do Ministerio de Medio Ambiente.

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Noia, Bieito Gonzalez, resaltou da reunión co Director Xeral de Costas a proposta do seu grupo para que sexan incluidas no proxecto as 300 hectáreas de concesión da confraría noiesa para que volvan ser productivas. Esta era unha das reivindicacións electorais do BNG noiés.

O ámbito de actuación ó que se refire o tenente de alcalde noiés abrangue desde a punta de Testal, pasando pola ribeira da Barquiña de San Cosme, chega ata o fondo das Saiñas, case ata a altura da ponte de Ceilán e desde ahí ata a ponte de Noia. No que respecta ó tramo de rexeneración desde a ponte de Noia ata o campo de fútbol, Bieito González explicou que ó tratarse dunha obra de menor embergadura pode ser asumida só pola Consellería de Medio Ambiente, sen necesidade de coordinar máis administracións.

{flowplayer}barbanza/rexeneracionria.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza