Barbanza celebra o Día Mundial da Infancia

    diainfancia_100_201107.jpgBARBANZA > A igualdade, a protección, a identidade ou o benestar son dereitos que deberían ser comúns para tódolos nenos, sen embargo unha gran parte da infancia do mundo carece deles.

    O 20 de novembro celébrase o día mundial da infancia co gallo de reclamar precisamente estes dereitos. Os concellos de Ribeira e A Pobra sumáronse a estas reivindicacións con diferentes actos. O máis significativo foi o celebrado na capital barbanzá está mañá, organizado pola concellería de Xuventude.

    Uns cincocentos rapaces dos seis colexios e institutos ribeireses e tamén das asociacións AMBAR e Amicos xuntáronse no palco de pedra situado no malecón e desde alí partiron en marcha ata a praza Otero Goyanes portando pancartas solidarias.

    Lectura manifesto

    Os rapaces levaban xa tempo preparando os actos deste día. Cada centro encargouse de traballar sobre un dos dereitos fundamentais establecidos pola ONU na Convención dos Dereitos do Neno en 1989. Unha vez na praza da igrexa deuse lectura a un manifesto sobre os dereitos dos nenos e un rapaz de cada colexio leu unha alegoría sobre cada un destes dereitos.

    Ademais dos colexios, no acto participaron tamén membros das diferentes ONGs que operan en Ribeira, como UNICEF, Intermon Oxfam, Cáritas parroquial, Cruz Vermella, Dignidade Ribeira, Solidariedade Internacional e Mans Unidas. Precisamente a representante desta última ONG foi a encargada de ler no nome de todas elas unha petición de igualdade para todos os nenos do mundo. Os rapaces remataron o acto interpretando cancións ó unísono solicitando os mesmos dereitos para todos.

    Teatro na Pobra

    Na Pobra do Caramiñal tamén se celebrou esta mañá o Día Internacional da Infancia cun espectáculo musical teatral no cine Elma a cargo do grupo ‘Champú e Chanpán’. A actividade, organizada pola concellería de Cultura que dirixe Encarnación González, estaba dirixida ós alumnos de preescolar do municipio. Así asistiron á sesión alumnos do colexio Fernández Varela, gardería Monte Carmelo e das unitarias do Vilariño, a Granxa, Campo-Angustia e da Ribeiriña.

     {flowplayer}barbanza/diainfancia.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza