O executivo levará a pleno a modificación puntual do PXOM

    planurbanisticoboiro_100_28.jpgBOIRO > Un ano despois da suspensión cautelar de licenzas de construción en catro áreas do municipio de Boiro, …

    … o concello presentará os estudos realizados para as modificacións puntuais do plan urbanístico. O obxectivo é frear a construción desordeada, garantindo un urbanismo sostible e a dotación de áreas de esparcemento para os boireses.

    O 28 de novembro do pasado ano, o goberno de Boiro decretou a suspensión cautelar de licenzas de construción en catro zonas do municipio, co fin de preservar determinadas áreas e encamiñar o urbanismo cara un ordeamento sostible. Transcorrido un ano, o executivo ten elaborados os estudos para introduci-las modificacións necesarias no Plan urbanístico, que serán levadas a ó próximo pleno.

    A continuación, será a Dirección Xeral de Urbanismo, o organismo responsable de da-lo visto bo definitivo a estes cambios, unha vez superada a fase de exposición pública. Un proceso que, segundo informou o edil de Urbanismo de Boiro, se presume longo dado o gran volume de traballo do departamento autonómico.

    Zonas afectadas

    As catro zonas afectadas pola paralización cautelar son o Peralto, en Escarabote, Barraña, Vimieiro e o Camiño Real. Na primeira delas, preténdese limita-las edificacións altas na franxa da estrada xeral fronte á igrexa da Magdalena, así como habilitar unha zona verde nos arredores do regato do Crego.

    No que respecta á Avenida de Barraña, adoptouse a suspensión cautelar posto que estaban solicitadas numerosas licenzas para a construción de bloques de apartamentos na franxa costeira. Tras realizar un estudo da zona, os técnicos recomendan limitar a altura e restrinxir as edificacións máis preto da praia.

    Así mesmo, está prevista a construción dun vial paralelo, pola parte superior, e unha rotonda á altura do centro de saúde para desconxestionar o tráfico de Cabo de Cruz. Nesta zona está proxectadas ademais varias áreas de reparto e mesmo se está a estuda-la creación dunha infrestrutura hostaleira onde actualmente se ubican as casas baratas.

    No Camiño Real buscarase a conservación e rehabilitación dos edificios históricos que compoñen o casco antigo da vila. Entre eles, a recuperación do entorno da igrexa e de Fonteneixe ou a rehabilitación da fonte e lavadoiro de Vao. Ademais, o concello pretende por en marcha un proxecto para a revitalización comercial desta zona a través da oferta de baixos á xente nova, a modo de viveiro de empresas.

    Xa por último, na zona de Vimieiro, na Calle Ancha, preténdense realizar unha conexión co río Breiro, onde está prevista a creación dunha área recreativa e un paseo.

    A edificabilidade existente nesta zona, de case 28 mil metros cadrados e pertencente case na súa totalidade á mesma empresa, podería ser trasladada a outra zona ou ben incluila nunha edificación en forma de torre. Neste sentido, o executivo insistiu en que os dereitos de tódolos propietarios están garantidos polo que se estudarán fórmulas prara trasladar a edificabilidade correspondente.

    Onte mesmo, o executivo presentou as súas propostas ós grupos da oposición que será debatidas no pleno do vindeiro día 11 de decembro.

    {flowplayer}barbanza/planurbanisticoboiro.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza