A Fundación Comarcal de Noia aproba o plan do 2008

fundacioncomarcal_100_04120.jpgTAMBRE > Esta mañá reuniuse o padroado da Fundación Comarcal de Noia para, entre outras cousas, tomar posesión dos seus cargos os novos representantes

… dos concellos de Noia e Porto do Son, así como da Deputación provincial.

Pasan a formar parte agora da comisión da Fundación Comarcal de Noia o propio alcalde noiés, Rafael García Guerreiro, Rosana Pérez por parte da Deputación Provincial e o alcalde de Porto do Son, Manuel Tomé, que actuará, ademais, a partir de agora, de secretario. Santiago Freire, rexidor lousamiano, pasa a ocupar a vicepresidencia.

Plan de actuación 2008

O padroado da Fundación Comarcal de Noia aprobou por unanimidade o seu plan de actuación para o vindeiro ano, no que se inclue a xestión do Proder II, a mobilización de poboación e elaboración do proxecto para a súa presentación á convocatoria do Leader 2007-2013 e a asistencia técnica ós concellos da Ría de Muros e Noia.

Na reunión desta mañá o padroado aprobou tamén por unanimidade o orzamento de ingresos e gastos da fundación para o vindeiro ano, que ten un importe total de algo máis de noventa e oito mil cincocentos euros.

Participación

Por outra banda, tamén se aprobou a participación da Fundación Comarcal, en caso de dispoñibilidade orzamentaria, apoiando diversas iniciativas da comarca, coma a Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, a Feira Medieval, as Xornadas de Historia e Cultura de Porto do Son, as Xornadas de Patrimonio Lousamiano, o Premio de Historia Medieval de Galicia ou as Xornadas Micolóxicas de Outes.

Centro de Servizos Múltiples

Xa na quenda de rogos e preguntas tratouse o tema do Centro de Servizos Múltiples, no que previsiblemente pasarían a estar as dependencias da Fundación Comarcal de Noia. Tanto o concello como a delegación provincial de Medio Rural están realizando as xestión oportunas para que esta petición se convirta en proxecto na maior brevedade posible.

{flowplayer}barbanza/fundacioncomarcal.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza