O PP esixe un mellor trato para o Barbanza nos orzamentos autonómicos

    ruizautovia_100_26112007.jpgRIBEIRA > Manuel Ruíz informou das enmendas rexistradas polo seu grupo para mellora-lo tratamento do Barbanza nos presupostos da Xunta de Galicia.

    Na súa intervención o deputado barbanzán, Manuel Ruíz, foi desgranando capítulo a capítulo, as principais demandas para esta comarca. Así o eido das infraestruturas é o que concentra o maior volume de recursos reclamados, acadando un importe de 7,5 millóns de euros. Neste apartado, o deputado popular da Barbanza solicita a realización entre outras actuacións da variante de Noia, cunha ponte sobre a ría, a circunvalación de Ribeira ou a estrada que une Oleiros con Corrubedo. Tamén reclama unha achega de 150 mil euros para a construción do recinto feiral.

    En materia sanitaria, Ruiz Rivas considera necesario establecer unha partida de 800 mil euros para implantar no ano 2008 unha unidade de oncoloxía no Hospital Comarcal, un millón de euros para poñer en marcha unha Unidade de Atención a Drogodependentes e un centro de saúde mental, así como tamén inicia-la primeira fase das obras de reforma do centro de saúde da Pobra do Caramiñal.

    Maltrato orzamentario

    Ruiz Rivas considera que a Xunta de Galicia ten contraída unha débeda moral cos habitantes da comarca da Barbanza como consecuencia do maltrato orzamentario que inflinxirá a cada un dos concellos desta zona nas contas públicas para o vindeiro ano 2008. O voceiro do grupo parlamentario popular demandou tamén un cambio de actitude da Xunta respecto á comarca da Barbanza, á que considerou a peor tratada de toda Galicia.

    Ó seu xuízo no Barbanza conflúe un dobre maltrato da Administración Autonómica: a escasa dotación presupostaria e mailos trastornos e perdas económicas provocadas polo peche ao tráfico da vía de alta capacidade, que se traduce en atascos e retrasos na vella estrada AC-305.

    Depuradora

    Durante a súa intervención, o portavoz parlamentario aludiu tamén á demora na posta en marcha da depuradora de Ribeira. Segundo Manuel Ruíz, o concello ofreceu tres posibles emprazamentos para esta instalación sen que a Consellería de Medio Ambiente adoptase decisión algunha ó respecto para desbloquear o proceso definitivamente e dotar á comarca do saneamento axeitado.

    {flowplayer}barbanza/ruizpresupostos.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza