Varela avoga en Rianxo por unha nova vitoria socialista nas xerais

    ceamitinpsoe_100_171207.jpgRIANXO > Os socialistas rianxeiros celebraron a súa cea de Nadal. O acto estivo presidido polo Secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela.

    Ó redor dun cento de persoas asistiu este sábado a unha cea-mitin do Partido Socialista de Rianxo que se desenvolveu no Restaurante Casa Pachín de Taragoña. O acto estivo presidido polo Secretario de Organización desta formación política en Galicia e Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, así como tamén polo rexedor rianxeiro, Pedro Piñeiro.

    Na súa intervención, Ricardo Varela, fixo un balance destes catro anos de goberno de Xosé Luís Rodríguez Zapatero en Madrid, e os logros acadados neste tempo. O secretario de Organización do PSdeG-PSOE tampouco se esqueceu de animar, tanto a simpatizantes como a militantes desta formación política, a traballar arreo de cara ás vindeiras eleccións xerais para contribuir a unha nova vitoria socialista.

    O alcalde rianxeiro tamén se dirixiu ós asistentes solicitándolle o seu apoio o vindeiro 9 de marzo para o Partido Socialista polo traballo ben feito durante estes anos.

    Homenaxe

    Os socialistas rianxeiros aproveitaron o acto tamén para tributarlle unha emotiva homenaxe ó edil Xosé Antonio Ordóñez, ata o de agora concelleiro responsable dos asuntos relacionados co mar, e que abandona a política activa por razóns estritamente persoais despois de bastantes anos como membro da corporación municipal rianxeira.

    {flowplayer}barbanza/ceamitinpsoe.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza