RIANXO > Quintana reclama en Rianxo maior protagonismo do BNG na política do estado.
Numerosos simpatizantes e militantes da formación frentista déronse cita este sábado na casa da cultura de Rianxo, no acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 58 cabodano da súa morte. A homenaxe centrouse na exaltación da ideoloxía galeguista, promulgada polo escritor rianxeiro tanto no eido cultural como político. Ideoloxía da que bebe directamente o actual Bloque Nacionalista Galego, segundo destacou o coordinador executivo do partido e senador, Francisco Jorquera, e que ten por obxectivo situar a Galicia onde se merece, sustituíndo as políticas, ata o de agora, dependentes por un maior nivel de autogoberno.
Maior protagonismo
Precisamente, o reto do BNG de cara a este ano recén estreado é incrementa-la súa presenza na política estatal, converténdose nunha forza electoral decisiva, para corrixir as desigualdades e atrasos e desenvolver políticas de progreso para o país.
Tamén a voceira dos nacionalistas rianxeiros, Adelina Ces, solicitou o respaldo dos galegos de cara ás eleccións xerais do 9 de marzo para que o BNG poida constituír un grupo parlamentario propio e seguir conseguindo fortes inversións para o desenvolvemento de Galicia.
Ofrenda floral
Tralo acto político, os participantes na homenaxe desprazáronse ata o monumento de Castelao para realizar a tradicional ofrenda floral diante do busto ó son do himno galego.
{flowplayer}barbanza/ofrendacastelao.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza