A FEB premia a sendas veciñas de Boiro e Outes cos seus soldos estrela

sorteofeb_100_140108.jpgOUTES > A Federación de Empresarios do Barbanza repartiu máis de 50 mil euros en premios no seu tradicional sorteo de Nadal.

A Federación de Empresarios do Barbanza elixiu este ano as instalacións do Restaurante Pazo do Tambre en Outes para a realización do sorteo da súa campaña comercial de Nadal.

Antes do inicio do mesmo, o presidente da FEB, Pablo Martelo e o secretario, Marcos Romero, fixeron un pequeno balance do que foi a campaña deste ano na que participaron ó redor dunhas mil tendas pertencentes ás asociacións locais de Padrón, Boiro, Rianxo, Pobra, Porto do Son, Noia, Muros, Outes, Carnota e Mazaricos. O número de rifas distribuídas durante a campaña rondou este ano a cifra do millón e medio que foron entregadas por cada cinco euros de compra

Soldos mensuais

Logo procedeuse xa ó sorteo de premios baixo a presenza da notaria de Noia, Ana María Victoria Sánchez. Sen dúbida a expectación do sorteo estaba en coñece-lo nome das persoas gañadoras dos dous premios estrelas da campaña, os soldos mensuais de seiscentos e trescentos euros durante un ano.

A fortuna quixo que o primeiro premio fora para Leticia Magallanes, unha veciña de Boiro, á que lle foi entregada a rifa na Floristería Vil Sonia. O segundo premio máis importante do sorteo, un soldo de trescentos euros, foi para Outes, concretamente para Rosaura García, grazas a unha rifa distribuída en Agrícola Outes.

As dúas afortunadas terán a obriga de gastar cada mes o seu premio en comercios adheridos á campaña posta en marcha pola FEB e que se desenvolveu entre o 1 de decembro e o 7 de xaneiro.

O resto dos premios, que ascenderon na súa totalidade a uns cincuenta mil, foron repartidos entre os concellos de Padrón, Boiro, Rianxo, Pobra, Porto do Son, Noia, Muros, Outes, Carnota e Mazaricos. Como en anos anteriores a campaña conxunta abrangueu a tódolos municipios das comarcas do Barbanza, Sar, Muros e Noia, a excepción de Ribeira, que decidiu facer campaña por separado.

{flowplayer}barbanza/sorteofeb.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza