O PP levará ó Parlamento as ‘chapuzas’ das obras autovía do Barbanza

    ppdegveciosdorna_100_310108.jpgRIANXO > O PPdeG presentará unha batería de iniciativas no parlamento para correxi-lo que consideran ‘chapuzas’ na execución das obras da autovía.

    O deputado do PPdeG, Ángel Bernardo Tahoces, desprazouse ata Rianxo para visitar varias das zonas afectadas polas obras de construción da autovía do Barbanza ó seu paso por este municipio.

    A primeira parada producíase no lugar de Monte Dorna. Alí puido coñecer por boca dos propios veciños os problemas derivados da mala execución dun paso inferior, no que debido á súa altura e ó rebaixe posterior do nivel da estrada se producen asulagamentos coa chegada da chuvias, provocando que un centenar de veciños aproximadamente quedaran incomunicados en máis dunha ocasión.

    A segunda das paradas tiña lugar na zona de Té. Alí o deputado popular puido constata-las queixas dos veciños relativas a escasa eficacia dunha presa construída para previ-los efectos das enchentas sobre as súas vivendas.

    O periplo do deputado popular rematou na zona da Barraca, na ponte da estrada que comunica Rianxo con Asados, onde se rexistra un notable desnivel, xa que foi construído moi por riba da altura do vial preexistente, para poder salva-la autovía.

    Ante o enorme descontento por parte dos veciños da zona como consecuencia das molestias ás que se ven sometidos polas obras de construción da autovía, Ángel Bernardo Tahoces, anunciou que o seu grupo ten previsto presentar no parlamento unha serie de iniciativas que veñan na medida do posible a correxir esta situación

    Aumento da sinistralidade

    O voceiro municipal do PPdeG, Xosé Ramón Vázquez González, fixo alusión tamén ó notable incremento da sinistralidade viaria que se está a rexistrar no tramo da estrada AC-305 que discorre entre Dodro e Taragoña, o que está a provocar numerosas saídas de vía, atropelos e, incluso, colisións en cadea.

    O PPdeG reclamaralle á Consellería de Política Territorial que repoña os servizos necesarios para mellora-la seguridade e suprimi-las molestias que veñen padecendo os veciños e demais usuarios desta vía.

    {flowplayer}barbanza/ppdegvecinosdorna.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza