As rúas do Barbanza e Tambre énchense de cor

    entroido_100_050208.jpgBARBANZA/TAMBRE > Os concellos da zona celebraron hoxe tamén o día grande das festas do entroido cos tradicionais desfiles de disfraces e carrozas.

    Baixo un ceo ameazante e co temor a que a chuvia fixera acto de presenza arrancou o desfile de carrozas ás cinco e media da tarde, dende a explanada da estación de autobuses. No desfile participaron este ano unhas doce carrozas, entre as que se atopaban tamén as comparsas ‘Os paparrulos’ de Marín e ‘Os canecos’ de Poio, xa habituais no martes de entroido pobrés. Dende a Covecha percorreron as principais rúas do centro urbano da localidade ante a atenta mirada dos centos de curiosos que non quixeron perder esta exhibición de cores e alegría. O remate do desfile foi na Praza Maior, onde se celebrou o Concurso de Carrozas e Disfraces para adultos, tanto individuais, como por parellas e grupos. A convocatoria estivo reservada para maiores de 15 anos posto que os pequenos xa participaron no certame celebrado na festa infantil, que tivo lugar o pasado domingo. O xurado valorou especialmente a orixinalidade e o vestiario nas distintas categorías nas que se outorgaron premios moi xugosos. Os galardóns oscilaron entre os cincuenta e os 350 euros para os seis primeiros clasificados na categoría de disfraces e chegaron ata os seiscentos euros para a mellor carroza do desfile. Tamén houbo premios de 450, 300 e 150 euros, para os seguintes clasificados nesta categoría.

    En Noia o desfile tivo lugar na xornada de onte luns. Dende a zona de San Lázaro, nas proximidades do campo de fútbol municipal, iniciouse o percorrido para continuar logo un percorrido polas principais rúas do casco urbano da vila para finalizar no pavillón polideportivo, lugar no que se desenvolveu posteriormente o concurso de disfraces con importantes premios para as distintas categorías, tanto de pequenos como de maiores. O desfile de entroido foi seguido por numerosos veciños que desafiaron o frío existente e que non quixeron perderse o espectáculo.

    En Boiro a totalidade das actividades do día de hoxe desenvolvéronse na praza do concello, totalmente ateigada de xente, con máis de un millar de persoas. Alí desenvolveuse tamén o concurso de disfraces e carrozas no que participaron numerosas persoas. Un acto que estivo presentado polo grupo de animación PistaCatro. Os premios ós mellores disfraces e carrozas en Boiro estiveron bastante disputados, xa que a calidade e orixinalidade dos participantes foi significativa, polo que o xurado tivo serias dificultades para elixir ós gañadores. Con anterioridade, ó redor das cinco da tarde, desenvolvéronse distintos obradoiros con animación musical e a actuación cómica Cigani&cia.

    {flowplayer}barbanza/entroidobarbanza.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza