Máis de dúas mil sinaturas apoian a construción dun novo mercado en Ribeira

    prazaribeira_100_060208.jpgRIBEIRA > Os vendedores da praza de abastos entregaron un total de 2.200 sinaturas no rexistro municipal solicitando a construción dun novo mercado.

    O mercado municipal de Ribeira leva en pé máis de 35 anos. Durante as case catro décadas de funcionamento o inmoble sufriu un notable deterioro que, a pesar das múltiples reformas levadas a cabo, segue a mermar a capacidade de traballo dos seus profesionais.

    Por iso, os praceiros levan quince anos reclamando ó concello a construción dun novo edificio, máis moderno e operativo, que permita poñer novamente en valor a venda de proximidade fronte á cada vez maior presenza das grandes áreas comerciais.

    As principais dificultades do actual edificio son a falla de accesos adaptados e de mecanismos para transportar as mercancías pesadas entre os distintos andares. Pero tamén as deficiencias nos sistemas de desaugue e a falla de limpeza; factores, todos eles, que provocaron un importante descenso de vendas nos últimos seis anos

    Promesas incumpridas

    Os vendedores afectados síntense, en certo modo, enganados polo goberno local que en reiteradas ocasións se comprometeu a levar a cabo o proxecto dun novo mercado, sen que ate o momento se materializase.

    Antes das pasadas eleccións municipais mesmo se chegou a presentar un anteproxecto que, polo momento, permanece estancado, posto que o executivo aínda non xestionou a consecución dos terreos, baixo o dominio de Portos de Galicia.

    Apoio do BNG

    Na súa particular loita, os vendedores e usuarios da praza contan co apoio do BNG que aposta pola creación dun mercado dinámico e funcional, dotado dos servizos e medios que requiren os novos tempos.

    Os nacionalistas consideran que o actual emprazamento do mercado sería o máis axeitado, apostando pola redistribución do espazo nun novo inmoble, dotado ademais dun aparcadoiro soterrado para facilitar a afluencia de clientes. As súas propostas serán recollidas nunha serie de iniciativas que proximamente presentarán perante o goberno local.

    {flowplayer}barbanza/prazaribeira.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza