Unha sentenza xudicial obriga ó derrube dun taller con 16 empregados en Rianxo

    derrubetaller_100_210208.jpgRIANXO > Rianxo anda revolto estes días debido á sentenza xudicial de peche de actividade e demolición dun taller de pedra existente no lugar de Burés.

    {flowplayer}barbanza/derrubetaller.flv{/flowplayer}

    Cos ollos vidriosos, Xosé Ramos, continuaba esta mañá no seu taller de cantería a desenvolve-las tarefas propias de cada día. Hai que facer fronte ás numerosas encargas, aínda que a procesión vai por dentro. Ó seu carón os 16 traballadores que compoñen a actual plantilla desta empresa. Todos eles enfróntanse a un futuro incerto.

    Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordea o peche da actividade e a demolición das instalacións ó atoparse asentadas sobre solo rústico. Todo comezou, segundo el, pola necesidade de amplia-las anteriores instalacións ubicadas no lugar da Burata

    Manifestación de apoio

    Xosé Ramos tampouco lle ve unha solución sinxela ó problema. O propietario do taller agradece tamén as mostras de solidariedade que está a recibir dos seus veciños, que mesmo iniciaron unha recollida de sinaturas e teñen convocado para o vindeiro domingo día 2 de marzo unha manifestación que partirá ás once e media da mañá dende a Atalaia en Asados ata a Praza do concello.

    Ante a magnitude e a importancia que está a adquirir este problema o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, quixo da-la cara diante dos medios de comunicación e explica-la súa versión sobre o acontecido. Di sentirse tranquilo, xa que, segundo el, en todo momento dende o concello se cumpriu coa legalidade, pero á súa vez está preocupado, ó ter que acatar unha sentenza que vai deixar sen traballo a unhas 16 persoas.

    A sentenza que pide o peche da actividade e a demolición das instalacións é firme dende o ano 2006. Durante este tempo houbo varios requerimentos ó concello, pero este non a executou.

    Na comparecencia ante os medios o rexedor rianxeiro apareceu acompañado do asesor xurídico do concello, Alfonso Alcalá, quen sinalou que a licenza municipal foi outorgada en base a á Lei do Solo de Galicia do ano 1997, en vigor naquel momento, que permitía a concesión da mesma para o aproveitamento dos recursos naturais alí existentes.

    Dase ademais a circunstancia que a sentenza veu propiciada por unha denuncia doutro empresario da rama e que ten a súa empresa a escasos metros deste taller. O curioso é que o denunciante non dispón de licenza polo que tamén se enfronta a un inmediato peche do seu negocio.

    Redacción Barbanza