Ribadumia valora en 6.000 euros os danos trala noite de San Xoán

    san_xoan100_240608.jpgSALNÉS > A noite máis curta do ano estivo chea de sardiñas, lume e moita diversión. Pero tamén deixou un balance negativo en canto a danos

    {flowplayer}images/salnes/noite_san_xoan.flv{/flowplayer}

    SALNÉS > A noite máis curta do ano estivo chea de sardiñas, lume e moita diversión. Pero tamén deixou un balance negativo en canto a danos. Un exemplo é o do concello de Ribadumia. O goberno local valora en 6.000 euros as consecuencias dos actos vandálicos deste San Xoán. Os principais prexuízos producíronse na ruta dos muíños de Barrantes e na área recreativa de Cabanelas, ademais de dúas marquesiñas de autobús. O Concello dará parte á Garda Civil. Pola súa banda, a Central de Coordinación do 061 de Galicia informa que atendeu na noite de San Xoán 38 intoxicacións etílicas e por drogas, 12 accidentes de tráfico e 10 queimaduras provocadas polas fogueiras.

    Pero non todo foi malo esta noite. No Salnés, destacamos a sardiñada celebrada pola Asociación de Comerciantes de Vilagarcía Zona Aberta, que festexou o San Xoán cunha multitudinaria Sardiñada acompañada de gaiteiros. A partir das nove e media da noite iniciouse o reparto gratuíto de 100 quilos de sardiñas, outros tantos de pan de millo e 100 litros de viño. Á celebración uníronse moitos arousáns que chegaron a facer longas ringleiras para degustar os productos típicos desta festa.

    A noite meiga, con aroma a sardiña, churrasco e sabor a queimada, tivo tamén especial protagonismo no Concello de Poio, onde celebran as súas festas patronais. A velada iniciouse coa sardiñada popular na Seca, que reuniu a centos de veciños a degustar o peixe estrela da noite. Como xa é tradición, 30 minutos antes da media noite, os asistentes gozaron co espectáculo de lume. Xa ás doce da noite, prendeuse a gran fogueira que presidía o campo da Seca. E como a principal era moi grande, prendéronse outras cacharelas máis pequenas para cumprir coa tradición de saltar as lapas e deixarse envolver polo fume purificador das cacharelas de San Xoán.

    Redacción Salnés